- Tematica
Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, pechará o próximo martes, 15 de novembro, o prazo de inscrición para a sexta edición dos seus premios. Este certame, cuxas bases se poden consultar na web www.youtubeiras.gal, repartirá 7.500 euros nas categorías de: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. Os sete primeiros galardóns contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que para o último apartado a cifra ascende aos 500 euros.
Os Premios Youtubeiras celébranse este ano baixo o lema Para a rede, a nosa. Esta máxima procura transmitir fachenda e forza, ademais dun ton enérxico, para subliñar o traballo desenvolvido pola comunidade Youtubeiras dende a súa posta en marcha. Ao abeiro desta iniciativa que vai máis aló duns premios e que xorde da colaboración de institucións que se unen a prol do fomento da lingua, conseguiuse crear e ensanchar unha comunidade viva e dinámica na nosa lingua na Rede. Para continuar pola senda da medra, Youtubeiras este ano ten como obxectivos incentivar a profesionalización dos/as youtubeiros/as, poñer en valor a súa figura, achegar espazos de aprendizaxe especializada e promover temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube.
Mudanzas nas bases
Nesta sexta edición, os Premios Youtubeiras experimentan diferentes cambios. Ademais de reestruturar as categorías, modifícanse as bases nun aspecto fundamental para poder concorrer nestes premios. Se o ano pasado resultaba imprescindible para a inscrición contar cunha canle que tivese polo menos cinco vídeos publicados, nesta edición vólvese permitir a presentación de canles cun único vídeo. A organización revisa anualmente as bases dos Premios Youtubeiras, xa que o eido da creación dixital evoluciona e vive fondas transformacións a gran velocidade.
Xurado e entrega
Os Premios Youtubeiras decídense a través dun xurado que cada ano se conforma coa intención de reunir diferentes perfís técnicos, creativos, audiovisuais e lingüísticos. Este ano, o xurado será o seguinte: Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina Galega en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua ao galego a través de Twitter no ano 2018. O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.
O premio do público tamén se dará a coñecer na propia gala, mais serán as persoas usuarias das redes sociais quen decidan o proxecto premiado a través dunha votación aberta. Nese caso, o xurado encargarase de supervisar, comprobar o resultado e dar fe tanto da votación coma do resultado.
Novas relacionadas:
Bisbarra: "Os Premios Youtubeiras reparten 7.500 euros na súa sexta edición"
AMS GO!: "'Youtubeiras' pecha o prazo de inscrición o 15 de novembro"