Pestanas principais

Os Reis Magos chegaron a Ames en descapotable

Xoves, 05 de xaneiro de 2012

[05-01-2012] Os nenos e nenas de Ames recibiron esta tarde a visita máis agardada durante todo o ano, a dos Reis Magos. As súas maxestades chegaron a Ames en coche descapotable, pois os camelos estaban moi fatigados trala longa viaxe que fixeron dende Oriente e quedaron repoñendo forzas. A primeira parada que fixeron foi no pavillón do Milladoiro ás 18.00 horas; media hora máis tarde foron ao pavillón de Bertamiráns. As súas Maxestades estiveron acompañadas por paxes reais e atenderon as peticións de tódolos nenos/as. Tanto en Bertamiráns coma en Milladoiro centos de persoas esperaban a chegada dos Magos de Oriente.

Un ano máis os Reis Magos pasaron polo Concello de Ames antes de comezar unha noite de moito traballo na que repartirán regalos aos nenos e nenas de todo o mundo. A recepción real foi nos pavillóns de Milladoiro e Bertamiráns e os Magos de Oriente estiveron acompañados de paxes e comparsas que repartiron caramelos e ilusión entre tódolos nenos e nenas. Sen dúbida esta é unha das citas anuais que máis agardan os máis pequenos da casa.

Os Reis Magos foron recibidos polas autoridades do Concello de Ames, entre as que se atopaba o alcalde, Santiago Amor. O rexedor municipal agradeceu en nome do Concello de Ames "que os Magos fixesen o esforzo de estar cos nenos e nenas de Ames, nunha noite na que teñen que visitar moitas casas e repartir moitos regalos", o alcalde agradeceu tamén a pais, nais, avós, tíos e tías que manteñan a ilusión de acompañar aos nenos a ver os Reis Magos porque " é unha bonita tradición que hai que manter". Santiago Amor lembrouse tamén das familias máis necesitadas do concello e desexou que nestas datas poidan cumplir a ilusión de ver aos Reis Magos.


No nome das súas Maxestades interviu o rei Melchor, que explicou que viñan dende oriente cos camelos cheos de ilusión para repartir moitos regalos. Melchor lembroulle a todos os nenos e nenas que tiñan que deixarlles os zapatos moi limpos, nun lugar visible, e que debían deitarse cedo para recibir o seu agasallo.

Os Reis Magos tamén lles entregaron esta tarde aos gañadores do concurso de cartas de Nadal os seus premios. A animación e a música tradicional a cargo do grupo Os Castros tamén estiveron presentes na recepción dos Magos de Oriente.



Contido relacionado


Unas comarcas llenas de ilusiones
Los Reyes Magos llegaron a Ames en descapotable