Pestanas principais

Os rexedores de Ames e Brión manteñen un encontro para establecer unha comisión na que abordar os proxectos e iniciativas que teñen en común os municipios

Mércores, 29 de maio de 2013

[29-05-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o rexedor de Brión, José Luís García, mantiveron esta mañá un encontro para establecer unha comisión na que abordar as iniciativas e proxectos que teñen en común os dous municipios. O obxectivo desta comisión, que se reunirá periodicamente, é o de coordinar e facer un seguimento dos proxectos nos que colaboran os municipios. Os rexedores, acompañados de varios/as concelleiros/as do Goberno amiense, visitaron esta mañá o viveiro de Barouta para comprobar o traballo realizado neste entorno polos alumnos do obradoiro de emprego Encontro Verde posto en marcha grazas á colaboración dos dous concellos e da Consellería de Traballo.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliñou que este encontro “supón un paso máis na colaboración entre os concellos de Ames e Brión, nunha aposta por seguir colaborando e traballando conxuntamente”. O rexedor amiense fixo fincapé na importancia de “establecer a través desta comisión unha canle de comunicación estable” entre os dous municipios para alcanzar máis acordos. Do mesmo xeito, destacou a importancia desta colaboración “que permite traballar e buscar solucións a algunhas das principais demandas e preocupacións dos nosos veciños e veciñas”.

Pola súa banda, o alcalde de Brión, Xosé Luís García, destacou que este encontro “demostra que tiñamos razón á hora de apostar pola cooperación entre municipios fronte a outras fórmulas artificiais que non levan a ningures. Cada Concello ten as súas fortalezas e o importante é ver como podemos seguir prestándolles o mellor servizo aos nosos veciños e veciñas co menor custe económico”. Neste sentido, sinala a boa sintonía entre Ames e Brión “como demostran estes proxectos que xa están en marcha e non descartamos seguir colaborando noutras materias en beneficio das veciñanzas de ambos municipios”.

No encontro, celebrado no Concello de Ames, os dous rexedores abordaron cuestións como a posta en marcha do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) ou o traballo que está desenvolvendo o obradoiro de emprego Encontro Verde. Ademais, os alcaldes de Ames e Brión avanzaron que os dous municipios veñen de presentarse conxuntamente á convocatoria de axudas da Consellería de Traballo para a posta en marcha dun programa integrado para o emprego.

O último acordo de colaboración alcanzado entre Ames e Brión é a presentación dunha solicitude conxunta para poñer en marcha o programa integrado para o emprego InsertAmes-Brión para o período 2013-2014. Para optar a esta axuda da Consellería de Traballo, os dous concellos asinaron un convenio de colaboración. O obxectivo deste programa, que se levaría a cabo no Centro de Formación Aldea Nova e contaría con 80 prazas (66 Ames e 14 Brión), é posibilitar na actual situación de crise económica a prestación dun servizo que formará aos participantes e permitiría reducir o desemprego nos dous concellos.

Os dous alcaldes están convencidos de que esta colaboración permitiría prestar de forma eficaz e eficiente o servizo de programa integrado para o emprego e minoraría os custes económicos da prestación illada do mesmo servizo. Segundo os cálculos realizados, o custe total deste programa será de 180.757 euros. Para levalo a cabo, solicitouse unha axuda á Consellería de Traballo de 144.606 euros. O importe restante non subvencionado sería sufragado polos concellos de Ames e Brión nun 83% e un 17%, respectivamente.

Acordo para o servizo de emerxencias
Durante a reunión, os rexedores tamén abordaron o acordo de colaboración asinado entre ambos municipios para a prestación asociada dos servizos de emerxencias e protección civil. Un acordo que ten como obxectivo principal garantir o acceso de todos os veciños de Ames e de Brión a uns servizos públicos de emerxencias e protección civil de calidade ao tempo que se minoran os custes asociados ao mantemento individual destes servizos.

O acordo asinado por Santiago Amor e Xosé Luís García compromete a ambos municipios a implementar un servizo asociado de emerxencias e protección civil que garanta, á marxe da existencia de financiamento alleo, a cobertura ao conxunto do territorio de Ames e de Brión. Inicialmente, este servizo estará composto polos efectivos contratados actualmente polo Concello de Brión (un xefe de servizo e tres operarios), sen prexuízo das variacións futuras que se poidan producir nun futuro co gallo da posta en marcha do Grupo de Emerxencias Supramunicipal.

De feito, o acordo de colaboración terá efectos ata a efectiva posta en marcha do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, se ben no referente aos efectos económicos a súa vixencia establécese dende o 1 de xaneiro de 2013. A sede do Servizo de Emerxencias e Protección Civil Ames-Brión estará no lugar de Pedrouzos (Brión) e a súa xefatura corresponderá de xeito conxunto aos alcaldes de Ames e de Brión. A xestión administrativa deste servizo será desenvolvida polo Concello de Brión.

Ambos alcaldes entenden que o establecemento dun réxime asociativo entre dous municipios, en especial no tocante aos servizos de emerxencias e protección civil, constitúe unha medida especialmente axeitada en momentos de crise económica e carencia de recursos, por canto permite valorizar os medios humanos e materiais existentes mediante a súa posta en común, de xeito que os beneficios acadados serán superiores aos obtidos de maneira singular e independente.

Obradoiro de emprego
Santiago Amor e José Luís García tamén fixeron un repaso polos traballos levados a cabo polo obradoiro de emprego Encontro Verde, que realizan en colaboración os dous municipios. Para a realización desta actividade, a Consellería de Traballo e Benestar concedeulle ao Concello de Ames unha subvención de preto de 240.000 euros. Ademais, os concellos de Brión e Ames contribuíron a esta iniciativa con 50.000 euros.

Neste obradoiro, que estará activo ata finais do mes de xuño, estanse formando 27 alumnos/as traballadores/as e dáse emprego a un total de 34 persoas (incluíndo director, titor e mestres do obradoiro). A especialidade que se está impartindo, cunha duración de 960 horas, é a de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes. Os alumnos e alumnas traballan na recuperación de espazos verdes dos municipios de Ames e Brión, tentando facelos sostibles. O obxectivo deste obradoiro é cualificar profesionalmente aos participantes e favorecer a súa inserción laboral, mediante a formación e a práctica profesional.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames y Brión abren contactos para más proyectos conjuntos"
El Correo Gallego: "Unha comisión analizará os proxectos e iniciativas comúns de Ames e Brión"