Pestanas principais

Os Seráns de Tapia achegan o espectáculo de circo e maxia "A gata Xaponesa: As viaxes de Bowa"

Martes, 27 de xullo de 2021

A quinta sesión do programa cultural “Seráns de Tapia” realizarase o xoves 29 de xullo. Nesta xornada, subirase ao escenario “ A gata Xaponesa: As viaxes de Bowa”. Trátase dun espectáculo de circo e maxia dirixido a un público familiar. A actuación gañou o premio FETEN 2021 á mellor intérprete circense.  Todas as actividades son de balde e non é preciso convite ou inscrición previa.

O programa “Seráns de Tapia”, organizado pola concellaría de Cultura, coordinado polas Bibliotecas Municipais, e en colaboración coa concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística achega este xoves un novo espectáculo á praia fluvial de Ames.
Elena Vives, autora e intérprete, convértese en Bowa, unha viaxeira orfa de raíces e de soños. Un día encontrou unha botella cunha mensaxe á beira do mar o que a impulsou a comezar a busca do seu destinatario. O camiño foi tan rico que se converteu case nunha obsesión.
 
O espectáculo transita por diferentes estados emocionais da personaxe que se apoian
nunha linguaxe circense multidisciplinar: efectos de maxia, acrobacia aérea, humor  ou poesía.

Todos os xoves de xullo e agosto a Praia Fluvial de Tapia acollerá actividades de teatro, literatura, concertos e monólogos. Podedes consultar a programación completa premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A arte circense maila maxia protagonizarán o quinto Seráns de Tapia"

 

"A gata Xaponesa: As viaxes de Bowa" nos Seráns de Tapia

Multimedia

  • "A gata Xaponesa: As viaxes de Bowa" nos Seráns de Tapia