Pestanas principais

Os Seráns de Tapia comezan agosto con dous monólogos

Mércores, 04 de agosto de 2021

A sexta sesión do programa cultural “Seráns de Tapia” realizarase o xoves 5 de agosto. Nesta xornada, realizaranse dous monólogos, baixo o título “Unha tarde maliciosa”, interpretados polo youtuber e presentador Brais Doval, ás 19:30 horas, e, ás 20:30 horas, polo actor e cómico Oswaldo Digón. Debido ás condicións climatolóxicas previstas para o xoves 5 de agosto, esta xornada dos Seráns de Tapia trasládase á Casa da Cultura de Bertamiráns.Todas as actividades son de balde e non é preciso convite ou inscrición previa.

O programa “Seráns de Tapia”, organizado pola concellaría de Cultura, coordinado polas Bibliotecas Municipais, e en colaboración coa concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística achega este xoves un novo espectáculo dirixido a un público adulto.

O espectáculo “Unha tarde maliciosa” será levado a cabo polos dous compañeiros do programa da TVG Malicia Noticias.

Brais Doval é un dos novos rostros da TVG. Aos seus 27 anos xa é coñecido por ser unha das caras máis visibles do Malicia Noticias, programa que se emite de mércores a domingo nas noites da TVG.

Oswaldo Digón, compañeiro tamén no Malicia Noticias, é un cómico galego que comenzou a súa carreira artística realizando máis de 400 actuacións infantís de contacontos en 1996. Paralelamente, Oswaldo enche teatros como actor cómico e, entre os seus logros, está a súa actual integración en “Nuevos Cómicos” de Paramount Comedy. No ano 2003 gañou o concurso de “Forum Comedia”.

Os Seráns de Tapia presenta todos os xoves do mes de agosto actividades de teatro, literatura, concertos e monólogos. Podedes consultar a programación completa premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas

Lindeiros: "Os Seráns de Tapia trasládanse a Casa da Cultura de Bertamiráns"

 

Monólogos na sexta edición dos Seráns de Tapia

Multimedia

  • Cartel do sexto Seráns de Tapia