- Tematica
A ameaza de choiva obrigou a trasladar a primeira sesión dos “Seráns de Tapia” do mes de agosto á Casa da Cultura. Con todo, e lonxe da contorna privilexiada “Os Seráns de Tapia” volveron completar aforo e encheron de humor, risas e moita malicia o Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
A complicidade entre Brais Doval e Oswaldo Digón traspasaron o escenario e chegaron a un público entregado e disposto a pasar unha tarde divertida onde o humor, a ironía e a malicia estaban asegurados. Os maliciosos metéronse ao público no peto e marcharon de Bertamiráns cun bo feixe de aplausos.
“Unha tarde maliciosa” esa foi a sexta proposta dos “Seráns de Tapia”, un programa organizado pola Concellaría de Cultura, coordinado polas Bibliotecas Municipais, e en colaboración coa Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística e que cada xoves achega un novo espectáculo á veciñanza amesá.
O youtuber Brais Doval é un dos novos rostros da TVG. Aos seus 27 anos xa é coñecido por ser unha das caras máis visibles do Malicia Noticias, programa que se emite de mércores a domingo nas noites da TVG. Na xornada de onte a súa proximidade e o seu xeito natural de contar as cousas conquistou a un público formado maioritariamente por xente nova.
Oswaldo Digón, compañeiro tamén no Malicia Noticias, é un cómico galego que comenzou a súa carreira artística realizando máis de 400 actuacións infantís de contacontos en 1996. Paralelamente, Oswaldo enche teatros como actor cómico e, entre os seus logros, está a súa actual integración en “Nuevos Cómicos” de Paramount Comedy. No ano 2003 gañou o concurso de “Forum Comedia”. Como era de agardar Oswaldo deu na tecla da mocidade amesá para sacarlles risas, aplausos e saír vitorioso de Bertamiráns.
Os Seráns de Tapia volven o xoves 12 de agosto cunha sesión de Poesía escénica no Tambre. Podedes consultar a programación completa premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Poesía escénica a la vera del Tambre este jueves 12"