Pestanas principais

Os traballadores do Concello de Ames recibirán 44.568,74 euros do Fondo de Acción Social

Venres, 19 de agosto de 2011

[19-08-2011] A Xunta de Goberno Local aprobou, este xoves pola mañá, as axudas recollidas no Fondo de Acción Social da convocatoria do exercicio 2010. Nesta convocatoria repartíranse preto de 45.000 euros para sufragar gastos derivados de tratamentos sanitarios non contemplados na sanidade pública, gastos de escolas infantís, compra de primeira vivenda e financiamento de estudos oficiais. Esta convocatoria tamén recolle axudas para gastos derivados da condición de discapacidade física, psíquica ou sensorial e persoas en situación de dependencia e axudas en caso de falecemento. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente o proxecto de normalización de predios da URO B7-15 vinculado ao Estudio de Detalle da devandita unidade urbanística.

Este xoves pola mañá a Xunta de Goberno Local aprobou a partida de axudas do Fondo de Acción Social do exercicio 2010. Este trámite realizouse despois de que o departamento de Intervención notificase que existe crédito para efectuar os pagamentos destas axudas das que se beneficiarán os funcionarios e traballadores municipais. O Concello de Ames dota anualmente no seu orzamento unha partida ou fondo para o financiamento de gastos de natureza social do seu persoal.

Cómpre salientar que deste regulamento pódese beneficiar todo o persoal que preste servizos no Concello de Ames en réxime de contratación laboral ou funcionarial. Deste xeito, teñen dereito ás prestacións que se estipulan no presente regulamento o persoal funcionario, persoal laboral fixo, e todas aqueles traballadores que son considerados persoal laboral temporal ou funcionario interino, tanto na data de presentación de solicitudes como como no momento de efectuar o gasto que pretende ser subvencionado.

Tamén poden concorrer a estas axudas os membros da unidade familiar dos beneficiarios, a non ser que os requisitos esixidos nas normas específicas aplicables a cada modalidade de axuda indiquen outra cousa; o persoal que obtivese a xubilación ou declarado en situación de invalidez absoluta ou gran invalidez, así como os membros da súa unidade familiar, durante o período ao que se estenda a convocatoria do ano no que se produciron tales situacións; e os herdeiros legais do persoal que falecese en servizo activo, durante o período ao que se estenda a convocatoria do ano no que se produciu o pasamento.

O departamento de Persoal recibiu durante a convocatoria de 2010 un total de 256 solicitudes, presentadas polos funcionais e traballadores/as do Concello, das cales 224 foron concedidas e 32 desestimadas. Esta é a terceira convocatoria do Fondo de Acción Social. Na convocatoria do ano 2008 repartíronse preto de 20.000 euros entre as 102 solicitudes que foron concedidas, mentres que na convocatoria de 2009 efectuáronse 91 pagamentos por valor de 35.500 euros.

O prazo para presentar a solicitude de axudas con cargo ao Fondo de Acción Social está establecido dende o 1 ao 30 de novembro de cada ano polo que os traballadores do Concello deberán presentar nun mes as súas solicitudes co fin de participar na cuarta convocatoria deste fondo. Neste prazo solicitaranse as axudas correspondentes aos gastos subvencionables efectuados no período comprendido entre o 1 de novembro do ano anterior ao 31 de outubro do ano en curso.


Unidade urbanística URO B7-15

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente o proxecto de normalización de predios da URO B7-15 vinculado ao Estudio de Detalle da devandita unidade urbanística. Previamente, o 28 de xullo de 2011, o Pleno deste Concello aprobou definitivamente o Estudio de Detalle da URO B7-15, correspondentes aos terreos situados na avenida da Maía, en Bertamiráns, facendo esquina coa oficina de "Caixa Nova". Este punto aprobouse cos votos a favor do Partido Popular e do PSOE e a abstención do BNG.

Anteriormente, a Xunta de Goberno Local deste Concello, en sesión de data 30 de xuño de 2010 xa aprobara inicialmente o Estudio de Detalle da URO B7-15, sometendo a audiencia dos/as interesados/as o proxecto de normalización de predios na devandita unidade. No mesmo acordo requiríase para que no documento que se presentara a aprobación definitiva se introduciran as modificacións indicadas polos servizos técnicos municipais nos informes técnico e xurídico.

Neste caso houbo que axustar ao PXOM a parte dunha parcela, clasificada como solo urbano consolidado, sita na URO B7-15, fixando como obxectivos a división do terreo en dúas porcións que posibilitasen a súa edificación separada, así como a regularización da aliñación dun viario. O proxecto en cuestión o conter obxectivos propios de Estudio de Detalle, reaxuste de aliñación e ordenación de volumes edificables, motivou a tramitación e aprobación inicial como tal Estudio conxuntamente co proxecto de normalización de predios.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Amplían la construcción en parte de Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "La plantilla del Concello de Ames recibirá 44.568 euros de ayudas extra"