Pestanas principais

Os usuarios da biblioteca municipal de Bertamiráns decidirán o deseño da nova sala de estudo

Sábado, 30 de xaneiro de 2016

[30-01-2016] A Concellería de Educación e Cultura pon en marcha un proceso de participación veciñal, coa finalidade de dotar dunha sala de estudo á biblioteca municipal de Bertamiráns. A incompatiblidade de usos fai necesaria unha reforma, solicitada polos usuarios e usuarias da biblioteca municipal dende fai anos. Habilitarase unha sala de estudo anexa, nas aulas 1 e 2 do primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns.

O goberno municipal dotará a biblioteca municipal de Bertamiráns dunha nova sala de estudo, anexa ao espazo infantil e de préstamo bibliotecario. Con este obxectivo, o departamento de Cultura comezou a traballar nun proxecto para o que solicita a participación dos propios usuarios no deseño e configuración dun novo espazo e do seu mobiliario. Estará situada, ao igual que a biblioteca, no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns e implicará a fusión das actuais aulas 1 e 2 nunha única sala. As actividades que actualmente se realizaban nestas salas serán reorganizadas na planta baixa e no Pazo da Peregrina, que xa foron previamente consensuadas.

"Trátase de buscar o mellor xeito de compatibilizar as actividades de animación á lectura, zona infantil, préstamo e sala de estudo", afirma o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. "Este novo proxecto consistirá na dotación dun espazo de estudo propio e anexo á biblioteca, debido á crecente solicitude de usuarios que preparan oposicións e exames ou realizan diferentes traballos académicos", destaca Santomil.

A partir do luns 1 de febreiro e ata o 15 de febreiro, estará dispoñible na biblioteca de Bertamiráns o plano e un cuestionario proposto polo departamento de Cultura, coa finalidade de que os usuarios/as escollan entre as tres opcións de organización das novas mesas, cadeiras e conexións eléctricas. Así mesmo, o plano tamén estará dispoñible na web do Concello de Ames, para que os veciños poidan realizar as súas propostas enviando un correo electrónico a biblioteca@concellodeames.gal indicando a súa preferencia por cada unha das tres solucións técnicas.

En función do resultado da enquisa, o departamento de Cultura fará unha valoración económica e técnica para iniciar as obras correspondentes, para as que xa solicitou a colaboración da Deputación da Coruña, a través do programa de subvencións para equipamentos e infraestruturas culturas de 2016. Actualmente, só a biblioteca do Milladoiro dispón dunha zona de estudo propia e diferenciada, polo que esta actuación permitirá equiparar ambas bibliotecas.

Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o plano coas diferentes opcións existentes. Os usuarios deberán sinalar a súa preferencia pola opción 1, 2, 3 ou outras, de ser o caso. As propostas deberán presentarse entre os días 1 e 15 de febreiro de 2016. Cómpre salientar que a opción 1 e 3 está composta de cinco mesas e 20 cadeiras, mentres que a opción 2 dispón de cinco mesas e 18 cadeiras.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Los usuarios de la biblioteca de Bertamiráns elegirán el diseño de una sala"