Pestanas principais

Os usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares elixen o churrasco con patacas fritas para o menú de fin de curso

Luns, 10 de xuño de 2019

Xa se coñece o resultado das eleccións que se celebraron a pasada semana, co obxectivo de elixir os pratos que conformarán o menú do día 20 de xuño da Rede Municipal de Comedores Escolares. Este é a décimo cuarta vez que se celebran eleccións nos comedores escolares para escoller os pratos cos que se quere despedir o ano académico. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados, o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) proclamáronse como os gañadores. Votaron 1.042 nenos e nenas.

O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 345 votos; pizza de xamón e queixo, 312 votos; albóndegas con arroz e salsa de tomate, 185 votos; espaguetes á boloñesa con queixo, 103 votos; peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 77 votos; e pescada rebozada con pasta tricolor, 26 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 448 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 292 votos. Os amorodos con nata acadaron 146 votos; o iogur de chocolate 109 votos, e o flan con nata, 41.

Dende o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en sete ocasións e a pizza de xamón e queixo dúas veces. En 2011, 2012 e 2013 gañou o churrasco, mentres que en 2014 e 2015 impúxose a pizza. Os catro últimos anos volveu a gañar o churrasco como o prato favorito dos nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares.

Este ano o churrasco con patacas frita gañou nos comedores dos CEIP Agro do Muíño, Barouta e a Maía, mentres que a pizza de xamón e quixo impúxose nos comedores do CEP de Ventín e da EEI do Milladoiro. O xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) gañou nos comedores dos CEIP da Maía e do Agro do Muíño, así como no CEP de Ventín, mentres que o xeado de corte de tres sabores foi a sobremesa máis votada nos comedores de Barouta e da EEI do Milladoiro.

Os nenos e nenas tiveron que escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato había seis posibilidades: churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, albóndegas con arroz e salsa de tomate, espaguetes á boloñesa con queixo e pescada rebozada con pasta tricolor. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran o polo de xeado, xeado de corte de tres sabores, amorodos con nata, iogur de chocolate e flan con nata.

A nutricionista elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos/as cativos/as e outra vén definida pola dirección da Rede municipal de comedores escolares. Deste xeito, o primeiro prato que se servirá será unha ensalada mixta. Aínda que o curso remata o día 21 de xuño este menú servirase o día 20 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "Los escolares eligen churrasco con patatas de menú de fin de curso"

Compostela 24 Horas: "Os pequenos dos comedores escolares de Ames elixen o churrasco con patacas como menú de fin de curso"

Votación na EEI Milladoiro

Multimedia

  • Votación na EEI Milladoiro
  • Votación na EEI Milladoiro
  • Votación no CEIP Agro do Muíño
  • Votación no CEIP Agro do Muíño