Pestanas principais

Paco Nogueiras estreará o seu novo espectáculo Radio Bulebule o 12 de novembro no Milladoiro

Mércores, 08 de novembro de 2017

[08-11-2017] O novo espectáculo infantil do músico e actor Paco Nogueiras será estreado o vindeiro domingo, 12 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas. Radio Bulebule, que é como se chama o novo traballo de Nogueiras, está composto por 12 cancións que atopan a súa inspiración no medio radiofónico. O espectáculo parte dun libro-CD-DVD no que participan, xunto Nogueiras, o ilustrador David Pintor e o artista visual José Miguel Sagüillo. Os convites están agotados na Billeteira electrónica. Porén, como é habitual, un 10% do aforo do auditorio quedará reservado para poder ser retirado, o mesmo día da función, desde unha hora antes do espectáculo.


O libro-CD-DVD Radio Bulebule é o novo traballo de Paco Nogueiras. Conformado por 12 cancións inspiradas no medio radiofónico, nel os temas dispóñense ao xeito dunha grella de programación que inclúe sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades, música, faladoiro, noticias, información deportiva e previsión meteorolóxica. Radio Bulebule tórnase, así, nunha peculiar emisora que incorpora os elementos característicos da radio. Neste novo traballo, Nogueiras contou coa colaboración de David Pintor, quen se encargou das ilustracións, e de José Miguel Sagüillo, responsable dos vídeos musicais.

Fiel á frescura do seu estilo e á súa conexión co público infantil, Paco Nogueiras coida, de maneira especial, as letras das composicións e as melodías, de ritmos modernos, pegadizos e bailables, que invitan á participación do público. As ilustracións de David Pintor fan do colorido e da expresividade as marcas da identidade visual de Radio Bulebule. Ademais, a publicación é acompañada por textos sobre o valor da radio como ferramenta informativa e acerca da súa utilidade no eido escolar e para o desenvolvemento de habilidades sociais e tecnolóxicas. 

Paco Nogueiras ten impartido aulas e dirixido diversas representacións teatrais en entidades culturais e escolares. Foi tamén actor e percusionista do grupo Els Comediants e dos Quintilláns, así como creador da banda sonora de espectáculos teatrais, musicais, de danza e mesmo dunha serie infantil da Televisión de Galicia. Na actualidade, forma parte da Orquestra Os Modernos, da compañía Os tres TENedORES e da campaña de animación á lectura da editora Kalandraka. Co seu anterior traballo, Brinca Vai, acadou o III Premio Martín Códax da Música Infantil.

O espectáculo infantil Radio Bulebule será estreado o vindeiro domingo, 12 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas. A entrada é de balde e libre ata completar aforo. Os convites xa están agotados na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Porén, como é habitual, o 10% das entradas quedarán reservadas para poderen ser retiradas, o mesmo día da estrea, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Radio Bulebule ten unha duración de 60 minutos e está recomendado para crianzas a partir dos 5 anos.