- Tematica
A artesá Ana Rosa Lista vén de participar na Mostra Internacional de Renda de Bilros de Peniche, en Portugal, que se celebrou do 14 ao 16 de xullo. Foron tres días dedicados a esta arte centenaria, símbolo maior da artesanía e da identidade de Peniche. A palilleira representou a Ames cun “stand” no que mostrou unha escolma do seu traballo, xunto a outras artesás de ata 21 países. O encaixe galego estivo representado por Ames, pero tamén por artesás de Camariñas, Muxía e Mos.
A palilleira amesá Ana Rosa Lista leva acudindo á Mostra Internacional de Renda de Bilros de Peniche dende o ano 2016. Ana Rosa estivo co seu “stand España – Ames” no que mostrou parte do seu traballo. Deste xeito, expuxo algunha pezas da exposición de encaixe “Fiando Recordos”, un conxunto de pezas de artesanía e pintura nas que se plasma parte da obra dun dos grandes deseñadores e artistas galegos do século XX, Luis Seoane.
Tamén mostrou pezas relacionadas co Camiño de Santiago, de monumentos galegos como a Torre de Hércules, así como pezas de tocados e picados. Como novidade, este ano, levou unha peza sobre A Ponte Maceira. Ana Rosa Lista explica que “este foi o último ano que participo na Mostra Internacional de Renda de Bilros de Peniche, en Portugal. É un pracer para min participar nesta mostra, pero o próximo ano voume dedicar a outros proxectos”. Ademais resaltou que “síntome moi agradecida pola despedida que me fixeron en Peniche”.
Ana Rosa Lista, formada na Escola Holandesa do Encaixe, ten realizado cursos de mestras tan destacadas como son Mariña Regueiro e Lia Baumaister-Jonkers. Imparte aulas na Casa Escola Obradoiro Ana Rosa, situada nas Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño. Tamén realizou varias exposicións no Pazo da Peregrina como a mostra “Fiando Recordos”. Ademais tamén realiza obradoiros e charlas en diferentes puntos da xeografía galega, española e en países europeos.
Deste xeito, ten participado en obradoiros de encaixe, a través da Xunta de Galicia, nos centros galegos de Salvador de Bahía (Brasil) e na Patagonia arxentina. Proximamente vai estar en Madrid e en Xenebra (Suíza). Ademais, ten previsto participar en abril de 2024 na mostra de encaixe que se organiza no municipio de Arenys de Mar, en Barcelona.
Exposición “Fragmentos de onte”
Por outra banda, Ana Rosa Lista estivo traballando nun proxecto inspirado na obra da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, que documentou para a Hispanic Society of America a vida en Galicia de comezos de século XX, e pola que coñecemos a día de hoxe unha parte importante da nosa historia recente. Este proxecto foi presentado o pasado ano en Pontevedra e actualmente atópase exposto na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, situada na praza de Mazarelos. Dito traballo pódese visitar ata o 31 de agosto.
En dita exposición pódense apreciar diferentes fotografías que a americana Ruth Matilda Anderson realizou en Galicia entre 1924 e 1926, cando Archer Milton, fundador da Hispanic Society of America (Nova York) mandouna a Galicia para recoller todo ese material etnográfico que estaba a piques de desaparecer, como vestimentas, oficios, festas ou costumes.
Novas relacionadas: