Pestanas principais

Panorama congrega preto de 7.000 persoas no Milladoiro e París de Noia abrirá os festexos en Bertamiráns

Martes, 06 de agosto de 2024

Este mércores, 7 de agosto, arrancan en Bertamiráns as festas da Peregrina, uns festexos que se prolongarán ata o domingo día 11 con música e verbena para todos os públicos. Serán cinco días de troula que se suman aos cinco xa vividos no Milladoiro con motivo da Madalena. En total, dez días que se enmarcan na programación “Ames en Festas”, que este 2024 uniu por terceira vez as festas da Madalena e da Peregrina, froito da colaboración do Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina, e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Os dous principais núcleos de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por terceiro ano consecutivo as súas festas de xeito conxunto. O resultado desta unión é o cartel “Ames en festas”, unha programación de dez días de música, concertos e actividades para todos os públicos. O arranque tivo lugar no Milladoiro, coas festas da Madalena que, tras atraer a preto de 7.000 persoas da man da Orquestra Panorama, rematan hoxe coa actuación da Orquestra Gran Parada. Tras cinco días de festexos, mañá Bertamiráns tomará a remuda coa celebración das festas da Peregrina.

Mañá, mércores 7, comezará a música e a verbena coa actuación da Orquestra París de Noia e Disco Móbil CDC no campo da festa da Peregrina, ás 23:00 horas. Na mesma liña continuarán as festas o xoves 8, coa actuación da Orquestra Los Satélites no campo da festa da Peregrina a partir das 23:00 horas.

O venres 9 a noite arrincará no parque do Ameneiral co concerto de Guadi Galego ás 21:00 horas. De seguido, ás 23:00 horas no campo da festa da Peregrina haberá verbena a cargo do grupo La Banda de Ayer e a discoteca móbil Impacto.

Para o sábado 10 de agosto está prevista a actuación da Requinta da Amaía e a Coral Lojo Batalla xunto con Los Coleguitas e a discoteca móbil Fabrik. Este mesmo día, a comisión de festas da Peregrina organizou por segundo ano conscutivo unha romaría urbana no parque do Ameneiral. Comezará ás 13:30 horas cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de Sr.Salvaje, Stormy Trucks, Michu da Rocha e V-Roc, así como inchables e unha festa da espuma para os máis pequenos. A través desta iniciativa trátase de levar a festa ao centro de Bertamiráns para que a veciñanza poida gozar desta romaría e tamén teña un retorno económico para os establecementos comerciais e hostaleiros da localidade.

As festas rematarán o día 11 coas actuacións de Airiños do Paseo de Colón, da Banda de música de Lousame e da Orquestra Tania Veiras.

Ademais, os días 7, 8 e 9 haberá pasarrúas a cargo das charangas A Santa Compaña, Os Celtas e a BBB de Ourense.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La París de Noia abre cinco días de fiesta en Bertamiráns"

Panorama congrega preto de 7.000 persoas no Milladoiro e París de Noia abrirá os festexos en Bertamiráns

Multimedia

  • Panorama congrega preto de 7.000 persoas no Milladoiro e París de Noia abrirá os festexos en Bertamiráns
  • Panorama congrega preto de 7.000 persoas no Milladoiro e París de Noia abrirá os festexos en Bertamiráns