Pestanas principais

Panxoliñas para a véspera de Noiteboa

Mércores, 21 de decembro de 2011

[21-12-2011] O próximo venres 23 de decembro ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns celebrarase o festival de Nadal de Corais no que participarán a Coral Polifónica de Bugallido, a Coral Polifónica de Milladoiro e como convidada a Agrupación vocal Virxe da Barca de Muxía. As tres corais farán un pequeno repertorio de panxoliñas galegas, portuguesas e de Castela e a Coral de Bugallido estará acompañada por alumnos da Escola Municipal de Música que tamén participarán neste festival. O festival terá unha duración aproximada dunha hora.

A véspera de Noiteboa vén cargada de música e panxoliñas. A Agrupación vocal Virxe da Barca actuará en Ames cun repertorio de dúas panxoliñas tradicionais portuguesas, "Natal..." e "Boliños do Pote"; cunha panxoliña tradicional galega chamada "Na noite máis fermosa" e con "Suite Navideña" de José Bernardo Álvarez.

A Coral Polifónica de Milladoiro interpretará a coñecida "Noite de Paz" de Franz Gruber, a panxoliña tradicional galega"Cun sombreiro de palla", a peza anxertina "A la huella, a la huella" e unha peza composta polo concelleiro de Cultura, Alfonso Rey, con música da directora da Coral de Milladoiro, Anne Toming, chamada "Ollando ao neno recén nacido".

A Coral Polifónica de Bugallido interpretará ademais de pezas tradicionais galegas coma "Canto de Berce", outras coma a panxoliña popular de Castela "Ya viene la vieja" ou "En la noche más fría" de Spilman. Ademais, coa Coral Polifónica de Bugallido colaborará tamén a Escola Municipal de Música de Ames participando en nos temas " No Nadal", e "Paz na Terra". Os membros da Escola de Música participarán ademais de con voces, con instrumentos de vento coma a frauta e con pequenos instrumentos de percusión.

Polo tanto, o vindeiro venres celébrase na Casa da Cultura de Bertamiráns un festival de Corais no que se interpretarán máis dunha ducia de panxoliñas por parte de tres corais e de 25 estudantes da Escola Municipal de Música. Este festival é unha actividade que encherá de espírito de Nadal a todos os que decidan achegarse a gozar das mellores voces e as mellores panxoliñas.