Pestanas principais

Papá Noel visitará O Milladoiro e Bertamiráns esta semana

Mércores, 21 de decembro de 2022

A programación de Nadal 2022 do Concello de Ames continúa esta semana coa chegada de Papá Noel, que estará no Milladoiro este venres, 23 de decembro, e en Bertamiráns o sábado, día 24. As visitas realizaranse de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas en ambas localidades, e os nenos e nenas que se acheguen a coñecer a Papá Noel poderán sacar unha foto con el e levarán para a casa un agasallo.

Papá Noel estará un ano máis no concello de Ames. O día 23 de decembro achegarase á praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, mentres que o sábado 24 se presentará na praza da Maía, en Bertamiráns. En ambas localizacións haberá instaladas carpas para que os pequenos e pequenas poidan gozar da visita.

Todos aqueles rapaces e rapazas que acudan a saudar a Papá Noel levarán un detalle como agasallo, e ademais, poderán inmortalizar o momento no fotomatón que estará dispoñible tanto no Milladoiro como en Bertamiráns.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinalou que “agardamos con moita ilusión a visita de Papá Noel ao noso concello, ao ser unha das actividades da programación de Nadal que máis lles gusta aos nenos e nenas de Ames”.

30 días de programación de Nadal
A programación de Nadal de Ames, que deu comezo o día 10 de decembro, co acendido das luces, continúa ata o domingo 8 de xaneiro con numerosas actividades. Mañá, xoves 22, celebrarase o concerto do AmesON de Nadal “Isto é rock”. Xa a partir do luns 26 haberá obradoiros de felicitacións navideñas con scratch, e tamén terá lugar o pasarrúas de Disney en Bertamiráns, que se repetirá no Milladoiro o martes 27.

Ademais, este ano, como novidade, o Concello de Ames celebrará unha gran festa de Reis, coa recepción das súas maxestades nos pavillóns municipais o martes 3 e o mércores 4 de xaneiro, e coas visitas ás parroquias e as cabalgatas que terán lugar nos dous núcleos urbanos o xoves 5.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Fotografías e galanos na visita de Papá Noel a Milladoiro e Bertamiráns o venres e sábado"

Papá Noel visitará O Milladoiro e Bertamiráns esta semana