Pestanas principais

A París de Noia pechará o programa AmesOn o venres 3 de setembro

Martes, 24 de agosto de 2021

A orquestra actuará no aparcamento do Supercor, no Milladoiro, ás 21.15 horas. Durante o espectáculo, ao que este ano lle engaden 15 minutos de cancións infantís, actuarán as gañadoras do concurso Canta con Ames. Cada solicitante poderá adquirir un máximo de 3 entradas que xa se poden reservar premendo nesta ligazón. Haberá un aforo de 950 persoas. Non se poderá acceder ao recinto  partir das 21.15 horas.

A Concellaría de Promoción Económica despide o último mes do AmesOn coa actuación da Orquestra París de Noia, que este ano introduce no seu espectáculo 15 minutos de cancións infantís. Ademais, recordará a cantantes de todos os estilos musicais para todos os gustos e idades. Como teloneiros, actuarán as gañadoras da primeira edición do concurso de karaoke “Canta con Ames”.

A París de Noia mostrará un espectáculo moi visual con musicais de Disney, Jennifer López, Queen, Beyonce, ou ABBA entre outros e sen esquecerse das mellores cancións do pop español de todos os tempos. Tamén farán un percorrido pola música en galego máis representativa de artistas autóctonos tan reseñables coma Os Tamara, liderados por Pucho Boedo, ou Xoán Pardo entre outros artistas galegos. Todo isto estará acompañado das performance realizadas polo seu elenco de acróbatas e bailaríns, coa particularidade que define á París de Noia na súa posta en escena con pirotecnia fría, láser, canóns de confetis e inchables.

O evento presentouse esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello. Interviron Blas García, alcalde de Ames, Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, e Víctor Fernández, concelleiro de Administración Xeral, Persoal e Urbanismo.

O acceso ao espectáculo habilitarase entre as 20.00 horas e as 21.15 horas pola rúa Agro do Medio (zona Carglass). O venres 3 de setembro non se poderá aparcar dende as 8:00 horas na Rúa Agro do Medio, a cal pechará a circulación ás 15:00 horas. Os peóns poderán acceder ás vivendas ou aos negocios.  

A acomodación realizarase por orde de chegada e a distribución de espazo será con asentos separados de xeito individual coa distancia regulamentaria vixente. Non se permite a agrupación de cadeiras.

Aplicaranse as normas hixiénico-sanitarias
O público non poderá entrar ao recinto con bebida nin comida, só auga no seu envase orixinal. Tampouco está permitido fumar durante a actuación. Unha vez na butaca só se poderá circular polo mesmo para acudir aos baños. Infórmase de que haberá baños químicos á disposición do público asistente e adaptados ás persoas con mobilidade reducida. O persoal de seguridade poderá expulsar a aquelas persoas que non cumpran as normas. As persoas asistentes deberán manter a distancia de seguridade e usar máscara.

As cadeiras serán individuais, separadas pola distancia de seguridade e prohibirase a súa agrupación. O recinto estará perimetrado por tres metros de altura.

Durante todo o evento estará dispoñible un dispositivo de Protección Civil, Policía Local e Garda Civil, así como persoal de seguridade.

Reserva de entradas
Xa está habilitada a reserva das entradas nesta páxina web . Cada solicitante poderá reservar un máximo de 3 entradas. Coa reserva de entrada os asistentes comprométense a cumplir as normas da organización en todo momento. Haberá un aforo de 950 persoas.

Segunda edición do AmesÓn
A Concellaría de Promoción Económica, a través do programa AmesON, animou á veciñanza durante os meses do verán con trece actuacións. Con esta iniciativa pretendíase dinamizar os sectores culturais, comerciais e a hostalería de Ames. Igual que o ano pasado, apostouse por grupos con compoñentes que sexan veciños e veciñas do Concello.

Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, asegurou que: “Estamos chegando ao remate da segunda edición do AmesÓn e, con ela, á última edición do cartel. A través do AmesÓn, a Concellaría de Promoción Económica animou á veciñanza durante os meses de verán con trece actuación. Con esta iniciativa pretendeuse dinamizar e axudar aos sectores comerciais, hostalaría e culturais. Como o ano pasado, todos os grupos tiveron compoñentes que son veciños e veciñas de Ames”.

Víctor Fernández, concelleiro de Administración Xeral, Persoal e Urbanismo, engadiu que: “Intentamos realizar os eventos adaptados ás medidas de seguridade cun dobre sentido. O primeiro é promover o aspecto económico pero, á vez, ofrecer espazos de lecer para toda o veciñanza mentres se promove o comercio e a hostalaría”.

Ademais, explicou que: “O noso interese final é que se trate dunha noite moi especial, tanto polo nivel da actuación, xa que temos a presencia dunha orquestra de tanto prestixio como é a París de Noia, como para poñer un broche de ouro a este amplo programa de actuacións do verán. Toda a cidadanía precisamos pasalo ben despois dun tempo moi complicado durante case un ano e medio. Seguro que todos e todas a veciñas de Ames van saber combinar esta ganas co cumprimento da normativa vixente.

Por último, Blas García, alcalde de Ames, salientou que: “Levamos feito máis de medio cento de actividades ao longo deste verán. Dada a situación, significou un esforzo importante para este Concello a súa organización pero, se as fixemos, foi buscando dúas vías. Unha, a participación dos veciños  e veciñas de Ames e darlle a posibilidade de desfrutar do verán dentro das normas, pero tamén prentedemos axudar ao comercio local co Programa AmesÓn e a empresas de Concello. Tamén axudamos a un sector moi importante e afincado a este Concello, no que deixan moito beneficio, como é o sector da orquestra e da verbena. Moitos dos compoñentes das orquestras galegas viven en Ames, xa sexan músicos, persoal de montaxe, bailaríns...”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El plan AmesOn para dinamizar el sector cultural local se cierra con la actuación de París de Noia"

El Correo Gallego: "Mil afortunados van a gozar de una verbena estática con París de Noia"

Compostela 24horas: "A París de Noia pechará o programa AmesOn"

Presentación París de Noia

Multimedia

  • Presentación París de Noia
  • Presentación París de Noia
  • Presentación París de Noia