Pestanas principais

A parroquia de Bugallido celebra este domingo 17 de xullo a súa festa da Virxe do Carme

Venres, 15 de xullo de 2022

Este domingo 17 de xullo continúan as festas no concello de Ames, coa celebración das festividades da Virxe do Carme na parroquia de Bugallido. Ao longo da xornada haberá misa, procesión, sesión vermú e verbena. Neste senso, o Concello de Ames e a Concellaría de Cultura colaboran coas festas a través do programa “Música nas parroquias”, coas actuacións da Coral Antonio Santomil de Bugallido e da agrupación Os Castros.

Despois de celebrar as festividades do seu patrón a comezos de xullo, a parroquia de San Pedro de Bugallido volve a estar de festa, cunha xornada na honra da Virxe do Carme. Será este domingo 17 de xullo, cunha programación coa que contan coa colaboración do Concello de Ames e da Concellaría de Cultura.

A festa comezará ás 12:30 horas, cunha misa acompañada pola Coral Antonio Santomil de Bugallido. A continuación, ao remate da misa, haberá unha procesión na que actuará a agrupación de gaitas Os Castros. En ambas as dúas actuacións musicais colabora a Concellaría de Cultura, a través do seu programa “Música nas parroquias”. Deseguido, será a quenda da sesión vermú e da verbena, amenizada pola orquestra Alabama Show.

Música nas parroquias

“Música nas parroquias” é a aposta da Concellaría de Cultura para recuperar as festas das parroquias do concello de Ames e para apoiar ao seu tecido asociativo. Trátase un programa vivo que inclúe a todos os grupos musicais e agrupacións tradicionais que pasarán polas parroquias amesás nos meses de verán.

Neste senso, no mes de xullo, ademais destas festas da Virxe do Carme, o programa incluíu os concertos da Coral Antonio Santomil e da Requinta da Maía, nas Festas de San Pedro de Bugallido, e de Luar na Lubre, o pasado domingo 10 na XVI Festa do chourizo ao viño de Ortoño.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bugallido celebra este domingo as súas festas da Virxe do Carme"

A parroquia de Bugallido celebra este domingo 17 de xullo a súa festa da Virxe do Carme

Multimedia

  • A parroquia de Bugallido celebra este domingo 17 de xullo a súa festa da Virxe do Carme
  • A parroquia de Bugallido celebra este domingo 17 de xullo a súa festa da Virxe do Carme