- Tematica
Ese pasado domingo, 20 de decembro, a parroquia de Bugallido lembrou a Antonio Santomil, cura, párroco e impulsor de iniciativas culturais na parroquia. Entre estas, destacou a formación da Coral Polifónica de Bugallido, que segue en activo na actualidade.
Cura párroco e apaixonado da cultura, Antonio Santomil fundou en 1971 a Coral Polifónica de Bugallido que dirixiu ata 1980, ano no que faleceu. Tras o seu falecemento, a coral quedou inactiva ata decembro de 1991, data na que renace nun grupo de antigos compoñentes a ilusión de continuar con esta actividade, creando a Asociación Cultural “Antonio Santomil”, na cal está encadrada a coral polifónica.
Ao longo de todo este período a coral participou en eventos musicais por toda Galicia, destacando entre outras actuacións a súa participación no acto de apertura da Porta Santa no Ano Xacobeo de 1976. Fóra da nosa comunidade, cabe salientar as súas actuacións nas Catedrais de Oviedo e León.
Ademais, a Coral de Bugallido colaborou con outras corais e bandas de música en proxectos conxuntos como "Nino Bravo en 100 voces" na Estrada, ou "Concertos do Patio", en Vedra. Incluso participou na gravación dun álbum composto por CD e DVD, xunto con outras oito corais de todo Galicia, que leva por título “Corais do Camiño”.
Actualmente, participa anualmente na Rede Cultural da Deputación da Coruña, e pertence á Federación Coral Galega. No presente curso o número de compoñentes é de trinta voces.