- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organiza para este martes, 31 de decembro, as súas xa tradicionais prebadaladas, enmarcadas dentro da programación do Nadal en Ames. As prebadaladas, presentadas este ano por Fátima Pego, celebraranse na Praza do Concello ás 12.00 horas e repartiranse para os asistentes bolsas con cotillón, lambetadas sen glute e batidos para os máis pequenos e, como novidade, tamén se repartirán mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva ademais de contar cunha intérprete de lingua de signos. O acto tamén contará coas actuacións das gañadoras da última edición do Canta con Ames. Na praza instalarase unha carpa para que os asistentes poidan gozar da actividade en caso de previsión meteorolóxica adversa.
Este martes, 31 de decembro, volverán a celebrarse un ano máis as Prebadaladas, unha iniciativa que botou a andar no 2019 e que, ano a ano, foi afianzándose cada vez máis entre os residentes de Ames. Deste xeito, a veciñanza de todas as idades reúnese na Praza do Concello para dar a benvida ao ano novo de forma anticipada e cun gran ambiente festivo e familiar.
O evento comezará coa apertura de portas e entrega de bolsas ás 11.00 horas. O acceso á praza este ano será pola rúa do Ameneiral e tamén haberá unha carpa para poder celebrar as prebadaladas aínda que o tempo non acompañe. Por outra banda, está previsto que se realice unha alfombra de arte efémera nas escaleiras da Casa do Concello elaborada por alfombristas das distintas asociacións da Federación (Ames, Bueu, Burela, A Estrada, Moaña, Ponteareas e Rianxo).
Repartiranse máis de 1000 bolsas que conterán arandos, sidra e cotillón para os adultos, mentres que para os máis pequenos terán uvas de lambetadas sen glute e batidos. Para a elaboración das mesmas, o Concello contou coa colaboración da froitaría Tómate más Fruta, que obsequia os arandos; Estrella Galicia, que facilitou a sidra; e a empresa de lácteos Feiraco, que colabora cos batidos para os nenos e nenas.
As prebadaladas deste ano estarán conducidas pola cantante e presentadora Fátima Pego e, como novidade, tamén se repartirán mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva ademais de contar cunha intérprete de lingua de signos, facendo este evento accesible para este colectivo. Repartiranse 8 mochilas e para solicitalas, os interesados deberán enviar un correo electrónico ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal.
Ademais, os asistentes poderán gozar da actuación das gañadoras da cuarta edición do Canta con Ames: Anaís Fernández (gañadora categoría de persoas ata 17 anos); Paula Barreiro (gañadora categoría maiores de 18 anos); e Silvia Veiga e Cecilia Pardo (gañadoras na categoría dúos e tríos).
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima a toda a veciñanza a despedir o 2024 por adiantado “e celebrar todos xuntos a entrada do novo ano nun acto divertido, familiar e cada vez máis accesible para todos os veciños e veciñas de Ames”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Inician hoy la elaboración de una alfombra floral para las Prebadaladas de Ames"