Pestanas principais

Participa este sábado na IV Festa do Apego do Concello de Ames

Xoves, 04 de maio de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a cuarta Festa do Apego, que terá lugar o sábado, 6 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns e na praza de Chavián. Haberá contos, xogos, música, monicreques, obradoiros, espazos de recursos e moitas máis actividades. A entrada será libre e de balde. As prazas de cada unha das actividades iranse cubrindo por orde de chegada dos usuarios e usuarias. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo coa programación da Festa do Apego de Ames.

O Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, e contribúe á socialización en galego das crianzas con recursos tanto virtuais como físicos. Apego ofrece información e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas, como para os e as profesionais.

No marco deste programa organízase un ano máis unha xornada festiva e ateigada de actividades variadas e participativas para un público infantil e familiar. Desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns e na praza de Chavián este sábado, 6 de maio, desde as 11.00 ás 21.00 horas. Haberá concertos, espectáculos interactivos, sesións de contos con música, obradoiros, xogos e espazos informativos e de recursos para enriquecer a crianza. As librarías de Ames, Máinomen e Lenda de Bertamiráns e Nenos Nais do Milladoiro, colaboran co proxecto ofrecendo nos seus escaparates unha mostra de recursos infantís en galego (libros, discos, xogos, contos...) que estará dispoñible desde o 2 ao 6 de maio.

Programación
A festa do Apego comeza ás 11:00 horas coa actividade “Triscus Beliscus”, de Rilo & Penadique. Nela, Vero Rilo e Sonsoles Penadique convidan á cativada a xogar, cantar, contar e bailar. Está dirixido a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Ás 12:00 será a hora dos “Contos para caghar patatillas”, de Brais das Hortas, que achegará música, clown e contos a partes iguais con instrumentos de refugallo creados en directo. Trátase dun espectáculo para morrer de medo... ou de risa! Diríxese ás crianzas a partir de 3 anos.

Para rematar a quenda de mañá, ás 13:00 horas Magín Blanco presentará o espectáculo “Caderno de cores e cancións”. Será un concerto participativo no que Magín Blanco e Pablo Vidal convidan as crianzas a xogar cos elementos que compoñen as cancións: melodías, harmonías, rimas, ritmos... Esta actividade diríxese a un público familiar.

Ás 17:00h Xarope Tulú chegará ao pazo coa Lingoreteira, unha sesión de contos, música e monicreques para facer un percorrido polas historias da tradición oral e para homenaxear a lingoreteira que hai dentro de cadaquén e que permite que a palabra e a oralidade sigan a crear vínculos de apego co noso. Esta actividade está recomendada para un público a partir de 3 anos.

Pakolas e Laura Romero aterran na Festa do Apego ás 18.30 horas coa actividade “Cores, contos e rockanroll coa Ramona pequena”, un espectáculo interactivo para familias no que as cores e os debuxos se mesturan cos contos e coa música rokeira para fartarse de cantar, de bailar e de gozar en todos os sentidos.

Ás 20:00 horas A Gramola Gominola pechará a festa co concerto “O poder da Superlingua”, para rematar o día cantando e bailando cos ritmos máis actuais e diversos.

Actividades permanentes
Ao longo de todo o día, a Festa do Apego contará tamén cunha serie de “espazos permanentes” nos que as nenas e os nenos poderán estar xogando ou lendo e as persoas adultas vendo e recollendo información sobre diferentes recursos educativos. Estarán abertos das 11:00 ás 13:00 e das 16:30 ás 20:00 horas.

Neses espazos estará Brazolinda con xogos de mesa de moi diferentes temáticas e para todas as idadeS, e Miudiño co seu espazo de xogo libre “Terra”, creado con material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar a creatividade. Noutro dos espazos estará Fabaloba cunha ampla mostra de recursos para facilitar as diversas etapas e momentos da crianza (contos, música, audiovisual, xogos...).

Por último, a festa contará cun espazo Apego no que o persoal do Servizo de Normalización Lingüística achegará información sobre o programa e os recursos que pon ao dispor das familias interesadas.

Obradoiro de tatuaxes e chapas con Apego
Así mesmo, entre as 17:00 e as 20:00 horas desenvolverase un taller de tatuaxes e chapas con Apego, a cargo de Eduvía, para que os nenos e nenas que o desexen poidan elaborar tatuaxes temporais e levar un agasallo en forma de chapa da Festa do Apego.

Colaboración das librarías
A Festa do Apego conta coa colaboración das librarías Lenda e Máinomen, de Bertamiráns, e Nenos Nais, do Milladoiro, que do 2 ao 6 de maio encherán os seus escaparates cunha mostra de recursos infantís en galego, na que terán presenza as últimas novidades editoriais.

Entrada libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa
A entrada para participar en todas as actividades da festa é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. Se o tempo impide a realización das actividades no espazo exterior do Pazo da Peregrina, estas trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns. Para obter máis información pódese escribir ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662 377 215.

Participa este sábado na IV Festa do Apego do Concello de Ames

Multimedia

  • Programa da IV Festa do Apego do Concello de Ames
  • Cartaz da IV Festa do Apego do Concello de Ames
  • Embedded thumbnail for