Pestanas principais

Participa na actividade “Finde na neve” que se realizará en Leitariegos no mes de marzo

Luns, 13 de febreiro de 2023

A Concellaría de Xuventude organiza unha nova actividade dirixida á xuventude que estea empadroada en Ames. Trátase da iniciativa “Finde na neve” que se desenvolverá do 10 ao 12 de marzo na estación invernal de Leitariegos. Nesta actividade poderán anotarse un total de 40 mozos/as entre os 15 (nados en 2007) e os 30 anos. O prazo de inscrición estará aberto dende este mércores, 15 de febreiro, ata o 21 de febreiro. Para que se realice dita actividade será necesario acadar un mínimo de 25 inscritos. O custe da actividade é de 158 euros, que inclúe transporte, estadía, manutención, forfait, alugueiro do material de esquí, curso de 4 horas, o servizo que ofrecen os/as monitores/s, etc. Premendo neste enlace podes descargar o impreso de inscrición nesta actividade.

Finde na Neve é unha saída de fin de semana á Estación Invernal de Leitariegos (León), que se desenvolverá entre o 10 e o 12 de marzo de 2023, con saída en autobús o venres pola tarde e regresarase o domingo tarde noite. Con esta iniciativa preténdese fomentar un ocio saudable e de contacto coa natureza, ademais de fortalecer as experiencias conxuntas e as relacións interpersoais da mocidade.

A saída inclúe desprazamento de ida e volta en autobús, aloxamento e pensión completa de tres días e dúas noites no albergue Laciana Natura, forfait durante dous días, alugueiro de material de esquí (esquís, botas, bastóns e casco), curso de esquí de 4 horas (un/ha monitor/a por cada 10 participantes), seguros, monitores/as acompañantes durante 24 horas.

O servizo de pensión completa comeza coa cea do venres 10 de marzo e remata coa comida do domingo 12 de marzo. Ofértanse un máximo de 40 prazas para a mocidade de Ames entre os 15 (nados en 2007) e os 30 anos. Para que se realice dita actividade será necesario acadar un mínimo de 25 inscritos. Terán preferencia os/as participantes empadroados/as en Ames (comprobarase de oficio).

Trámite de inscrición
O prazo de inscrición estará aberto dende este mércores, 15 de febreiro, ata o 21 de febreiro. As prazas serán cubertas por rigorosa orde de inscrición no rexistro. Presentarase preferiblemente a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou de xeito presencial no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).

No momento da inscrición o/ interesado/a deberá achegar:
-Ficha de inscrición cuberta e asinada.
-Copia do DNI do/a participante e do/a pai/nai/titor-a en caso de menores.
-Copia da tarxeta sanitaria.
-Certificado médico, no caso de que o/a participante teña tratamento ou doenza que deba ser tido en conta. De igual xeito, no caso de medicación específica ou alerxia alimentaria ou doutro tipo.

O 24 de febreiro publicarase a lista de inscritos/as na páxina web municipal e nos taboleiro oficiais do Concello. Para obter máis información hai que poñerse en contacto co departamento municipal de Xuventude Ames (XA!) chamando ao número de teléfono 616 08 32 29 ou enviando un correo electrónico ao enderezo xuventude@concellodeames.gal.

Custe e pagamento
O custe da actividade é de 158 euros, que inclúe transporte, estadía, manutención, forfait, alugueiro do material de esquí, curso de 4 horas, o servizo que ofrecen os/as monitores/s, etc. O transporte e parte do custe das prazas serán financiadas pola Concellería de Xuventude.

Deberase facer o abono da actividade, e deste xeito formalizar a inscrición, só despois de que o departamento de Xuventude confirme a túa praza. Enviarase o impreso de pagamento (autoliquidación) ao correo electrónico facilitado na inscrición. Neste documento indicaráselle o prazo no que debe realizarse o abono.

En caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico poderase descargar a autoliquidación a través do enlace Oficina Virtual Tributaria que figura na web municipal ou a través da banca electrónica de ABANCA. De non aboar o importe no prazo establecido, considerarase baixa inmediata no servizo sen posibilidade de recuperar os importes aboados, agás causa xustificada.

Contarán coa exención do 100% da taxa aqueles casos de emerxencia social, que conten con resolución do Concello de Ames, tendo en conta o previsto no artigo 11.7 da Ordenanza Fiscal Xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público do Concello de Ames e o regulamento de emerxencia social do Concello. De selo caso, deberase axuntar a documentación específica que acredite tal condición mediante informe dos servizos sociais municipais.

Cartaz da actividade Finde na neve

Multimedia

  • Cartaz da actividade Finde na neve