- Tematica
A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa municipal de Andainas Saudables, organiza un percorrido pola sexta etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. A ruta realizarase o vindeiro sábado, 18 de maio. Os participantes camiñarán arredor de 15 quilómetros, partindo desde a igrexa de San Vicente de Cespón e chegando ata a igrexa de Santa María de Leiro, situada en Rianxo. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, día 15. Haberá servizo de autobuses con saída dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:15 horas.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa municipal “Andainas Saudables”. Trátase da sexta etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, un recorrido de 120 quilómetros que parte dende o Faro de Corrubedo e pasa por diversos lugares da ría de Arousa, atravesando cidades e pobos costeiros como Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo ata enlazar co Camiño Portugués ao chegar a Padrón.
Deste xeito, volven as andainas saudables polo Camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. No pasado mes de setembro realizouse a quinta etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, que discorreu dende o porto de Cabo de Cruz ata a igrexa de San Vicente de Cespón. Agora, organízase a sexta etapa que discorre dende Boiro ata Rianxo.
Os participantes comezarán a ruta na igrexa de San Vicente de Cespón, en Boiro, e percorrerán quince quilómetros ata chegar á igrexa de Santa María de Leiro, situada na localidade de Rianxo. Recoméndase levar roupa e calzado axeitados. Hai 70 prazas dispoñibles, e as persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o mércores, 15 de maio, ás 14:00 horas, cubrindo o formulario dispoñible nesta ligazón ou mediante o código QR do cartaz.
Haberá servizo de autobús dende a praza do Concello de Bertamiráns (ás 9:00 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 9:15 horas). Debido á alta demanda en anteriores andainas, terán prioridade as persoas empadroadas en Ames.