- Tematica
O Concello de Ames anima a participar na campaña “Calcetíns desparellos: Tan diferentes como iguais” posta en marcha pola Fundación Compostela Down. Para participar, entre hoxe e mañá pon calcetíns desparellos, a poder ser, de cores. Posteriormente, fai unha fotografía con eles e compártea nas redes sociais cos cancelos #TanDiferentesComoIguais #CalcetínsDesparellos #CalcetinesDesparejados e #DíaMundialSíndromeDown. Ademais, dende o pasado mércores colga do balcón da Casa do Concello unha pancarta conmemorativa co lema da campaña.
Mañá, sábado 21 de marzo, é o Día Mundial da Síndrome de Down, e para a súa conmemoración, o departamento de Benestar Social do Concello de Ames colabora coa Fundación Compostela Down na campaña “Tan diferentes como iguais”, que busca contribuír a acadar unha sociedade máis inclusiva.
Aproveita o confinamento para participar na campaña #CalcetínsDesparellos
Dende o pasado mércores, colga unha pancarta conmemorativa co lema da campaña deste ano na Casa do Concello de Bertamiráns. Pero non é a única actividade que promove o departamento de Benestar Social para a conmemoración deste día.
Asemade, anímase á veciñanza amesá a participar na campaña #CalcetínsDesparellos que se levará a cabo nas redes sociais. Comeza hoxe, venres 20, e proseguirá tamén mañá, sábado 21 e Día Mundial da Síndrome de Down.
A campaña #CalceltínsDesparellos quere apostar pola inclusión contribuíndo a acadar unha sociedade máis xusta. Unha iniciativa que xa se celebrou o ano pasado e que pretende encher de calcetíns de colores as redes sociais.
Para participar, entre hoxe e mañá, pon calcetíns desparellos, a poder ser, de cores. Posteriormente, fai unha fotografía con eles e compártea nas redes sociais cos cancelos #TanDiferentesComoIguais #CalcetínsDesparellos #CalcetinesDesparejados e #DíaMundialSíndromeDown.
Cómpre recordar que aínda nos encontremos vivindo unha situación excepcional debido á alerta sanitaria provocada polo COVID-19, non debemos esquecernos de seguir loitando por unha sociedade máis inclusiva. Así, o concello invita ás familias a sumarse a esta iniciativa neste período de corentena nos fogares.
Día Mundial da Síndrome de Down
En decembro do ano 2011, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 21 de marzo como o Día Mundial da Síndrome de Down. Con esta celebración, búscase xerar unha maior conciencia pública sobre a cuestión e recordar a valía e as valiosas contribucións das persoas con Síndrome de Down, así como a importancia da súa autonomía e a independencia individual, en particular a liberdade de tomar as súas propias decisións.
O Síndrome de Down, a pesar de que moitas persoas o crean, non é unha enfermidade. É unha condición, que ocorre cando aparece unha alteración xenética nos cromosomas. O normal é que as persoas ao nacer teñan 46 cromosomas, pero no caso dos recén nacidos con Down, este número é maior.
Isto débese a un proceso de división que da como resultado un cromosoma máis, chamado trisomía 21. De aí o por que da elección do Día Mundial da Síndrome de Down o día 21 do mes 3 do ano, para simbolizar esa trisomía.