Pestanas principais

Participa na enquisa Impulsa Ames da convocatoria DUSI de fondos FEDER

Luns, 28 de novembro de 2016

[28-11-2016] O goberno municipal de Ames solicita a implicación e participación da veciñanza amesá para elaborar o proxecto que presentará á segunda convocatoria DUSI cofinanciada con fondos FEDER. Para iso poden acceder a ENQUISA IMPULSA AMES onde poden opinar a través de 14 cuestións sobre o transporte público, o ámbito da mobilidade, zonas verdes, espazos de lecer, eficiencia enerxética, comercio local, etc. Dita enquisa poderase realizar ata o domingo 11 de decembro.

O goberno municipal está traballando na presentación da candidatura do Concello de Ames á segunda convocatoria para a selección de estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, cofinanciadas polo programa operativo FEDER de crecemento sostible. Na primeira convocatoria o Concello de Ames quedou a 1,5 puntos de obter a subvención cunha estratexia ben valorada no ámbito de aplicación e implementación, polo que está mellorando a estratexia presentada para poder conseguir estes fondos europeos.

A estratexia Impulsa Ames, que é o nome do proxecto, parte da necesidade de aproveitar a oportunidade dos fondos FEDER para xerar unha verdadeira estratexia de crecemento para un municipio que, pola súa posición privilexiada na coroa metropolitana de Santiago e a súa calidade demográfica no contexto galego, debe de exporse a consolidación e conectividade dos seus núcleos urbanos como único camiño para xerar unha trama urbana de calidade, inclusiva e integradora socialmente e que sexa moito máis eficiente desde un punto de vista enerxético e de gasto público.

Co obxectivo de mellorar o proxecto presentado á primeira convocatoria o goberno municipal solicita a participación da veciñanza. Para iso poden acceder a ENQUISA IMPULSA AMES onde poden opinar a través de 14 cuestións sobre o transporte público, o ámbito da mobilidade, zonas verdes, espazos de lecer, eficiencia enerxética, comercio local, etc.

Participación cidadá
É necesaria a implicación de toda a cidadanía para conseguir un Ames máis humano, máis sustentable, máis respectuoso e máis xusto. A participación cidadá é necesaria para construír unha estratexia de desenvolvemento urbano sustentable e integrado para o concello, que contemple as actuacións precisas para conseguir os distintos retos económicos, sociais, demográficos, ambientais e climáticos aos que ten que facer fronte a cidade. Por iso é necesaria a opinión de todos os veciños e veciñas para que acheguen a súa valoración, ideas e propostas de actuacións para Ames.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “para Ames este financiamento é moi importante, e de aí que dende finais de outubro xa esteamos traballando na mellora do proxecto a presentar e no que esperamos que se valore acorde á calidade da estratexia. Creemos que a nosa capacidade de mellora é maior a doutros Concellos e tan só esperamos que non se valore sobre a base de cidades grandes ou pequenas”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames pregunta a sus vecinos si quieren implantar la ORA"