Pestanas principais

Participa na nova edición do programa integrado de emprego InserAmes-Brión XI dirixido a mozos/as desempregados e menores de 30 anos

Sábado, 10 de novembro de 2018

[10-11-2018] Tralo éxito acadado na décima edición do programa InserAmes Brión, a piques de rematar, cunha porcentaxe de inserción laboral do 64,7% das persoas participantes, os Concellos de Ames e Brión porán en marcha un novo plan que comezará nas próximas semanas e rematará o 30 de outubro do 2019. O novo programa integrado de emprego “InserAmes Brión XI”, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 euros, e que conta cunha achega de 45.613,20 euros dos Concellos de Ames e Brión, está dirixido a 100 mozas e mozos, desempregados e menores de 30 anos, dos dous municipios.

A duración do programa “InserAmes Brión XI” será dun ano, durante o cal as persoas seleccionadas recibirán formación teórica especializada con prácticas en empresas de diferentes áreas: actividades para a mocidade, comercio e atención ao público, actividades de almacén, ocio e tempo libre, limpeza, enerxías renovables e mantemento de fontanería e calefacción, manexo de maquinaria…

Asemade, recibirán formación transversal en idiomas, prevención de riscos laborais, técnicas de busca de emprego, coaching, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional, autoemprego… e contarán coa axuda de titorías persoais para o acompañemento na busca de emprego por conta allea ou por conta propia. O obxectivo desta nova edición é superar as porcentaxes de inserción laboral dos programas anteriores e poder acadar cifras superiores ao 50% das persoas participantes.

As persoas interesadas en participar no programa “InserAmes Brión XI”, teñen que achegarse polo Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (rúa Costaneira, número 2) situado na urbanización de Aldea Nova. Tamén poden chamar aos números de teléfono 608 459 678/ 663 711 876. Outra opción é pasar polo departamento de Promoción Económica do Concello de Ames (segundo andar da Casa do Concello), para solicitar información do proceso de inscrición e do funcionamento do programa.

InserAmes Brión X
Por outra banda, na actualidade está a piques de rematar a décima edición do InserAmes-Brión. En dito programa atendeuse a 85 participantes dos concellos de Ames e Brión, desempregados e menores de 30 anos. O 30 de novembro finaliza este programa, pero continuarase traballando cos participantes no seu itinerario personalizado de emprego.

Nesta décima edición do programa integrado para o emprego, que contou cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 204.000 euros, alcanzouse un 64,7% de insercións, cumprindo cos obxectivos de duración de contratos marcados pola propia Consellería. Ademais, cómpre destacar o dato de que máis do 46% do alumnado participante tivo un contrato de máis de 3 meses ou estivo dado de alta como autónomo máis de seis meses.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que “estas cifras de insercións, que se achegan ao 65%, reflicten o potencial deste programa como ferramenta para axudar a atopar traballo aos participantes no mesmo, cunha combinación de actividades que se amosan como efectivas no seu itinerario personalizado de inserción. Teño que darlle os parabéns aos 85 participantes, que están a piques de rematar está formación e aos que xa conseguiron emprego. Ademais, animo aos mozos e mozas do concello a que se inscriban e participen no novo proxecto do programa integrado para o emprego”.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Aberto o prazo de inscrición do obadoiro InserAmes-Brión dirixido a mozos desempregados menores de 30 anos"
El Correo Gallego: "Un programa de empleo que logra insertar al 64 %"