- Tematica
A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde, dentro do programa municipal de Andainas Saudables, organiza a primeira etapa do “Xiro Grande dos Montes de Compostela”. A ruta realizarase este sábado, 5 de novembro. Percorreranse 13 quilómetros, partindo dende Santa Lucía ata chegar á Lavacolla. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo o seguinte formulario ou enviando un correo ao enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal ata este xoves, 3 de novembro, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses con saída dende a Praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:45 horas, e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:00 horas.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa municipal de Andainas Saudables. Neste caso, trátase da primeira etapa do “Xiro Grande dos Montes”, un recorrido de 97 quilómetros divididos en 9 etapas polos montes do municipio de Santiago de Compostela, ao longo dos cales se pode desfrutar de vistas panorámicas da cidade, así como da súa contorna natural.
Esta primeira etapa comeza nas inmediacións da capela de Santa Lucía. Dende ese punto sóbese ata Marrociños por un camiño rodeado de cultivos, chegando ata o viaduto do AVE, e continúase durante varios quilómetros polos montes de Godos e Aríns, subindo ao alto de Zaramacedo.
O descenso alterna bosques e pradeiras ata chegar a aldea de Vilamaior, por onde pasa o Camiño Francés, e no último tramo chégase á Lavacolla. A etapa finaliza na igrexa de San Paio de Sabugueira. En total percórrense 13 quilómetros durante unhas 4 horas e media.
Hai 70 prazas dispoñibles, e as persoas interesadas en realizar a ruta poden apuntarse ata mañá, 3 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal ou cubrindo o formulario ao que se pode acceder dende a seguinte ligazón. Haberá servizo de autobuses dende a Praza do Concello de Bertamiráns (con saída ás 9:45 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (con saída ás 10:00 horas).
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Os amesáns comezarán a percorrer o Xiro Grande dos Montes este sábado"