Pestanas principais

Participa na segunda etapa do “Xiro dos Montes de Compostela” que se enmarca no programa de Andainas Saudables de Ames

Venres, 10 de decembro de 2021

A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde dálle continuidade ao programa municipal de Andainas Saudables coa segunda etapa do “Xiro dos Montes de Compostela”. Esta ruta que se realizará o vindeiro sábado, 18 de decembro, é a continuación da ruta realizada o 20 de novembro polo Monte Viso. Nesta segunda etapa percorreranse 6,6 quilómetros, partindo dende o Monte do Gozo ata chegar ao Monte Deus. As persoas que desexen participar poden inscribirse no enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal ata o xoves, 16 de decembro, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da Casa do Concello, en Bertamiráns, e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.

A ruta “Xiro dos Montes de Compostela” forma un gran corredor de 34 quilómetros de lonxitude que rodea a cidade de Santiago e comunica entre si os principais montes urbanos (Monte do Viso, Monte do Gozo, Monte de Deus, Monte Pedroso, Monte de Vidán, Monte de Conxo, Monte de Santas Mariñas e Monte Gaiás), poñéndoos á súa vez en relación co itinerario verde urbano e as restantes zonas verdes existentes: con outros parques e xardíns, cos carreiros rurais e forestais e cos diferentes Camiños de Santiago, creando unha gran senda verde que facilita a integración e o diálogo da cidade coa súa contorna natural.

Para esta nova andaina saudable escolleuse a ruta correspondente á segunda etapa do “Xiro dos Montes de Compostela”. Esta etapa vai dende o Monto do Gozo ata o Monte Deus. Trátase da etapa máis longa cun percorrido de 6,6 quilómetros. Unha parte da etapa corresponde co trazado do Camiño Francés e remata cunhas espectaculares panorámicas pouco coñecidas da cidade de Santiago de Compostela, dende o Miradoiro do Monte Deus.

A etapa parte dende a pintoresca capela de San Marcos, no Monte do Gozo, testemuña do paso da peregrinación durante séculos, para coller cara a Travesía de San Marcos e adentrarse no rural de Santiago despois de cruzar a antiga estrada da Lavacolla. Trátase dun camiño e espazo de transición entre a realidade urbana e o rural que permite contemplar os prados e a posibilidade de ver aínda algún gando non relacionado coa realidade urbana que os rodea.

Posteriormente, atravésanse os túneles da autovía e do ferrocarril, entre eles pódese escoitar o ruído da auga e así seguirase o camiño cara á avenida de Amio para dirixirse a Meixonfrío pola senda peonil do paseo da avenida de Asturias. Xa en Meixonfrío, poderase ver o «Pozo da Neve» mostra enclave pouco coñecida do enxeño humano. Pozo no que se gardaba neve para a conservación dos alimentos naqueles tempos nos que aínda non había neveiras.

Dende a rúa do Tambre seguirase cara o parque dos Salgueiriños, un novo punto verde no camiño, para ir ata o punto máis alto da rúa do Río e coller unha pista forestal onde pouco a pouco irase gozando dunhas estupendas vistas para chegar ao punto final: o Monte de Deus.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, explica que “o programa de Andainas Saudables continúa o sábado, 18 de decembro, cunha nova etapa polo Xiro dos Montes de Compostela, na cal poderemos seguir practicando marcha nórdica. A primeira etapa que se fixo polo Monte Viso tivo unha gran aceptación entre a veciñanza amesá e agora agardamos que esta nova andaina tamén esperte o interese dos veciños e veciñas que lles gusta camiñar”.

As persoas interesadas en realizar esta ruta, poden apuntarse ata o día 16 de decembro enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da Casa do Concello, en Bertamiráns, e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Anotacións para a segunda etapa da andaina saudable na ruta de Xiro dos Montes do 18"

Participa na segunda etapa do “Xiro dos Montes de Compostela”

Multimedia

  • Participa na segunda etapa do “Xiro dos Montes de Compostela”