Pestanas principais

Participa nas Brincadeiras miúdas de Cé Orquestra Pantasma dos días 19 e 20 de setembro

Sábado, 17 de setembro de 2022

Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha un verán máis as Brincadeiras Miúdas, dúas xornadas de xogos, baile e cantos ao aire libre que se desenvolverán os días 19 de setembro no Parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e o 20 de setembro no Parque dos Piñeiros do Milladoiro. As brincadeiras estarán dinamizadas por Cé Orquestra Pantasma, un polifacético músico especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza. A actividade diríxese a familias con nenos e nenas a partir de 2 anos. Serán ás 18:00 horas, de balde e sen inscrición previa. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado, música e obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais. As familias con rapaces e rapazas de máis de dous anos poderán acudir a estas xornadas coas que se pretende compartir tempo de lecer e diversión en galego ao tempo que se fomenta o xogo sen instrucións nin sobreestímulos con materiais naturais que non teñen unha función definida e con que poderemos facer tantas cousas como nos marque a nosa imaxinación. Un dos obxectivos principais é fomentar a creatividade, a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira.

Cé Orquestra Pantasma visita con asiduidade o noso concello e sempre acada un gran éxito a través do programa Apego. Desta volta volve traer as súas Brincadeiras Miudiñas e nelas inclúe un concerto no que mesturará as cancións máis coñecidas dos seus discos, un obradoiro de brinquedos naturais que sen dúbida moverán o maxín das crianzas e das familias, xogos tradicionais e materiais naturais desestruturados para que as crianzas xoguen e creen libremente e ao seu ritmo, adaptándose ás súas propias necesidades.

Nesta ocasión, as Brincadeiras Miúdas serán os días 19 de setembro no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e o 20 de setembro no parque dos Piñeiros do Milladoiro. Serán ás 18:00 horas, de balde e sen inscrición previa.

A programación infantil con Apego de outonode 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Participa nas Brincadeiras miúdas de Cé Orquestra Pantasma dos días 19 e 20 de setembro

Multimedia

  • Participa nas Brincadeiras miúdas de Cé Orquestra Pantasma dos días 19 e 20 de setembro