- Tematica
Mañá sábado, a partir das 12:00 horas, terá lugar un novo Encontro Intercultural no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá unha degustación de pratos típicos de diferentes nacionalidades. Ademais, os asistentes poderán desfrutar da peza teatral “Vaia Tea!” de Xucrut Teatre, dunha actuación musical a cargo do músico venezolano Misael Sánchez e dun posto informativo e de venda de comercio xusto.
O Encontro Intercultural dará comezo ás 12:00 horas. Os asistentes poderán degustar pratos típicos de diferentes nacionalidades realizados por veciños e veciñas de Ames, procedentes de diferentes países como Arxentina, Colombia, Brasil, Guatemala, Venezuela, México, Nicaragua, República Dominicana, Marrocos, Ucraína e Grecia, entre outros.
Doutra banda, ofrecerase o espectáculo “Vaia Tea!” de Xucrut Teatre. Trátase dunha peza de teatro que fala do consumo de roupa e que serve para todo tipo de públicos. Dende Xucrut abordan o tema do consumo de roupa con humor, e crean así un clima propicio para abrir debate co público ao rematar o espectáculo.
Ademais, haberá un posto informativo e de venda de comercio xusto. Tanto a representación teatral como o posto de comercio xusto son dúas actividades desenvolvidas por Solidariedade internacional de Galicia e forman parte do programa de sensibilización do Fondo galego de cooperación e solidariedade, do que Ames é socio.
O Encontro contará tamén cunha actuación musical a cargo de Misael Sánchez, músico venezolano que reside en Ames dende hai anos.