Pestanas principais

Participa no Entroido Ames 2023 organizado polo Concello e XEA

Xoves, 09 de febreiro de 2023

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Cultura e Mocidade, organizou a programación “Entroido Ames 2023”, que se vai desenvolver durante este mes de febreiro. Dita programación está organizada en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Haberá un desfile de Entroido o sábado 18 de febreiro no Milladoiro e unha festa de Entroido en Bertamiráns o luns 20 de febreiro. Ademais, vaise organizar unha festa con Djs para a mocidade o sábado 18 pola noite e un xantar o domingo 19 no que se servirá cocido e doces típicos de Entroido. O prazo para participar no desfile de Entroido do Milladoiro, así como na comida e baile de Entroido de Bertamiráns, estará aberto ata a media noite do mércores 15 de febreiro.

A programación central do Entroido de Ames 2023 desenvolverase o sábado 18, o domingo 19 e mailo luns 20 de febreiro. Este ano, despois de dous anos sen realizar a festa de Entroido debido á pandemia, vólvense organizar un programa específico de Entroido. Este ano reformúlase a festa de Entroido que se realizou en edicións anteriores para facer un Entroido máis participativo, no que se aposta pola participación da veciñanza amesá. Preténdese que sexa un Entroido no que participen as asociacións culturais, asociacións de veciños, ANPAS, etc.

O sábado 18 de febreiro haberá un desfile de Entroido no Milladoiro. Dito desfile partirá ás 17.00 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro e rematará na praza de Manuel Murguía. O percorrido do desfile anunciarase na web municipal. O desfile contará con animación en rúa a cargo das Pompeiras (farán pompas de xabón, enchendo as rúas de ledicia multicolor, onde os nenos e nenas poderán xogar con elas) e dos Dinos Bailongos (os Dinos levarán consigo un estandarte feito de globos co que interactúan co público).

O concurso é para as persoas de todas as idades. Poderán participar todas as persoas, asociación, comunidades, colexios, etc. As persoas menores de idade terán que participar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos que se deriven deste concurso. As asociacións serán representadas polo/a presidente/a.

As inscricións realizaranse no correo electrónico xuntanzaempresariosames@gmail.com ata o 15 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos, título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, e número de compoñentes. Haberá catro categorías e tres premios en cada categoría: individual infantil, individual adulto, grupos de 2 a 10 persoas e grupos de máis de 10 persoas. Repartiranse 2.000 euros en premios. Consulta as bases do concurso do desfile de Entroido. O desfile pecharase coa entrega de premios e coa actuación da banda Brassica Rapa.

Festa con Djs para a mocidade
O sábado 18 de febreiro tamén se vai a organizar unha festa de Entroido con Djs e carpa climatizada dirixida á mocidade amesá. Comezará ás 22.00 horas e desenvolverase no aparcadoiro da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, que está situado detrás das oficinas da Policía Local e do servizo municipal de Urbanismo. Elaborarase un programa especifico para esta actividade. Farase venda anticipada de entradas para acceder á festa.

Comida e baile de Entroido
Para o domingo 19 de febreiro hai programada unha comida e baile de Entroido dirixida a toda a veciñanza de Ames que queira participar. Comezará ás 14.00 horas e tamén será no aparcadoiro da rúa Alcalde Lorenzo. Para xantar servirase cocido e doces típicos de Entroido. O menú terá un custe de 25 euros para as persoas adultas; 12,50 euros para os nenos/as de 6 a 11 anos e será gratis para os nenos e nenas menores de 6 anos. Para o xantar haberá un aforo de 150 persoas.

Os tíckets haberá que mercalos previamente nos establecementos Don Budi e Secretos de Tocador, en Bertamiráns, e na cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo para mercar os tíckets para asistir ao xantar remata o mércores 15 de febreiro. Tamén se poden reservar os tíckets chamando ao número de teléfono 641 11 60 05, que pertence a XEA. Tralo xantar haberá animación e música a cargo dun DJ. A comisión de festas de Bertamiráns disporá dun barra para vender consumicións co fin de recadar fondos para as festas de verán.

Gran festa de Entroido
Por outra banda, o luns 20 de febreiro, a partir das 17.00 horas, celebrase unha gran festa de Entroido na praza de Chavián, en Bertamiráns. A festa comezará coa animación de rúa a cargo da Charanga Os Celtas. Ademais haberá unha exhibición de baile a cargo de Danzaya, representarase o espectáculo Entroido co Señor Patajullo e a Banda Barabullo, actuará a coral do programa Amessan; e haberá un recital de coplas de Entroido.

Obradoiros de Entroido nas bibliotecas municipais
Ademais as bibliotecas municipais de Ames preparan un novo obradoiro co gallo da celebración do Entroido, que xirará en torno á creación de máscaras do Entroido tradicional galego. O taller, que está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria, terá lugar o venres 10 de febreiro, ás 17.30 horas, no Milladoiro, e o sábado 18, ás 11.30 horas, en Bertamiráns. É preciso anotarse previamente para participar, e as inscricións pódense facer escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 53 08 07 (no caso de asistir ao obradoiro do Milladoiro) ou 981 88 48 29 (no caso de asistir ao de Bertamiráns).

As inscrición para o obradoiro do Milladoiro xa están pechadas e para o obradoiro de Bertamiráns remata o 15 de febreiro. A veciñanza tamén se pode achegar as bibliotecas para coñecer as mostras bibliográficas de Entroido e o que están preparando sobre o Entroido galego.

Programación de Entroido da EMMA
Por último, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofrecerá un concerto miúdo de Entroido o mércores 15 febreiro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e mailo festival de Entroido da EMMA, que se celebrará o venres 17 de febreiro, ás 19:30 horas, tamén na Casa da Cultura do Milladoiro.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Ames vivirá o Entroido con tres días de festa"

Cartaz do Entroido Ames 2023

Multimedia

  • Cartaz do Entroido Ames 2023
  • Cartaz do Entroido Ames 2023
  • Cartaz do Entroido Ames 2023
  • Cartaz do Entroido Ames 2023
  • Cartaz do Entroido Ames 2023
  • Cartaz do Entroido Ames 2023
  • Cartaz do Entroido Ames 2023