[19-11-2018] Os participantes da oitava edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames adicaron a pasada semana á gravación das súas pezas. Un total de 25 grupos de alumnos/as dos IES do Milladoiro e de Bertamiráns pasaron pola radio municipal para locutar as súas pezas, de entre 3 e 5 minutos de duración. A emisión das locucións realizarase en Ames Radio, na frecuencia modulada 107.2, entre o 26 de novembro e o 3 de decembro, de luns a venres en horario de 13:30h a 14:30h e de 22:00 a 23:00h.
Despois dunha xornada formativa común, realizada no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o 24 de outubro, e de varios talleres impartidos entre o 5 e o 8 de novembro nos IES de Bertamiráns e do Milladoiro, chegou o momento de que os participantes aplicasen os coñecementos adquiridos para gravar as súas pezas. Así, ao longo da semana do 12 de novembro, cada un dos grupos participantes pasou pola radio municipal de Ames para locutar e montar as súas pezas.
Nesta oitava edición do Desata a Lingua!!! participan un total de 80 rapaces e rapazas repartidos en 25 grupos, 17 do IES de Ames e 8 do IES de Milladoiro. Así, esta convertese na edición con maior participación ao longo dos oito anos de concurso.
Unha vez montadas as pezas, estas serán emitidas en Ames Radio de luns a venres, entre o 26 de novembro e o 3 de decembro, nas seguintes franxas horarias: das 13:30h ás 14:30h e das 22:00h ás 23:00h. A canle municipal está dispoñible na frecuencia modulada 107.2.
Nestas datas, as pezas tamén estarán dispoñibles na sección de Avisos da páxina web municipal. A participación no concurso implica a autorización para estas emisións e a cesión a favor do Concello de Ames dos dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. Aos grupos participantes facilitaráselles unha copia da súa peza.
Acto público de entrega de premios
Os premios para as obras finalistas sumarán un total de 600 euros, repartidos en tres premios de 200 euros cada un. Por un lado, a audiencia da radio municipal será a encargada de escoller, entre as pezas emitidas, a obra que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 27 de novembro e o 4 de decembro, ambos incluídos, a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452. As persoas que queiran votar terán que identificarse. Só se computará un voto por persoa.
Alén deste, haberá outros dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Este ano, igual que na edición anterior, os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 21 de decembro. Á gala asistirá todo o alumnado participante.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Comezan as votacións para o VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames"