Pestanas principais

A patinadora amesá Antía Lourido proclámase campioa provincial cadete de patinaxe artística

Mércores, 18 de maio de 2022

A deportista amesá Antía Lourido Villasenín, do Club Ágora, vén de conseguir a vitoria e revalidar título no campionato provincial de patinaxe artística libre, na categoría cadete, disputado o sábado 7 e o domingo 8 de maio en Ribeira. Ademais, a proba contou con representación dos clubs de patinaxe de Ames, o Omega e o Sarela, dos que participaron oito patinadoras.

Os pasados días 7 e 8 de maio o pavillón municipal de Sirves, en Ribeira, acolleu o campionato provincial de patinaxe artística libre, das categorías cadete a senior. No evento participaron un total de 19 equipos e 62 deportistas de categoría nacional, coa clasificación para o vindeiro campionato galego en xogo.

Neste senso, a patinadora amesá Antía Lourido Villasenín acadou a vitoria na categoría cadete do campionato provincial, repetindo o triunfo do ano pasado e asegurándose unha praza na competición de nivel autonómico. Lourido mantivo o seu liderado ao longo das dúas xornadas de probas, nas que as persoas participantes deberon realizar un programa curto e outro longo.

Ademais da vitoria de Antía Lourido, parte do Club Ágora de Boqueixón, a competición contou tamén cunha boa e numerosa participación dos dous clubs de patinaxe de Ames, o Omega e o Sarela, que aportaron oito patinadoras.

Cinco patinadoras do CPA Omega competiron na proba, catro delas na categoría cadete e unha máis en xuvenil. En cadete, Martina Bretaña foi quinta e Irene Enríquez foi sétima, mentres que Marta Lariño e Claudia Villar ocuparon a 11º e a 18º posición. Na categoría xuvenil, Idara Pensado foi sétima.

Pola súa banda, do CP Sarela participaron tres deportistas. Inés Peña foi sexta na categoría cadete, Alba Valladares foi novena en xuvenil, e María Peña foi cuarta en junior.

A patinadora amesá Antía Lourido proclámase campioa provincial cadete de patinaxe artística

Multimedia

  • O CPA Omega, no campionato provincial de patinaxe artística