Pestanas principais

A patinadora amesá, Nadia Iglesias, proclámase subcampioa de Europa en categoría júnior

Luns, 10 de setembro de 2018

[10-09-2018] Nadia Iglesias de Salvador disputou os días 2 e 3 de setembro o Campionato Europeo de Patinaxe Artístico nas illas Azores, no que conseguiu a medalla de prata na modalidade libre da categoría júnior. A amesá, que en xuño revalidou o título de campioa de España e o pasado ano conseguiu o primeiro campionato de Europa da historia do patinaxe artístico galego, participará no mundial júnior que se disputará en Francia do 4 ao 14 de outubro.


A patinadora amesá, Nadia Iglesias de Salvador, vén de proclamarse o pasado luns, 3 de setembro, subcampioa de Europa na modalidade libre de patinaxe artística. Así, o campionato rematou coa vitoria da italiana Cecilia Marocchi, que obtivo unha puntuación de 493,60 puntos. A tan só 1,4 puntos quedou Nadia Iglesias, cunha puntuación total de de 492,20 puntos. O bronce foi para a italiana Laura Mezzatesta con 433,40 puntos.

A patinadora amesá, pertencente ao Club de Patinaxe Artística Maxia da Coruña, realizou unha gran actuación na primeira xornada cun programa curto moi elaborado, co que se instalou no segundo posto da clasificación. Na segunda xornada, celebrada o luns e durante a que se desenvolveu o programa longo, a patinadora amesá, que defendeu unha coreografía apoiada nunha canción da francesa Indila, tivo dous pequenos tropezos que lle supuxeron unha penalización de 0,2 na puntuación final e a distanciaron da posibilidade de chegar ao primeiro posto.

Así, esta medalla de prata súmase á longa lista de éxitos que a patinadora amesá está a acadar nos últimos anos, entre os que se encontra a revalidación do título de campioa de España en xuño deste ano, a medalla de ouro conseguida no campionato de Europa de 2017 ou o terceiro posto no mundial júnior disputado en Nanjing (China) o pasado ano, no que competiu como campioa do campionato europeo. Asemade, a súa próxima competición será o mundial de patinaxe artístico, que se celebrará en Francia entre os días 4 e 14 de outubro.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Nadia no se baja del podio"
Real Federación Española de Patinaxe: "Nadia Iglesias, subcampeona de Europa junior y Jorge Canales, tercero en la misma categoría"
Compostela 24 horas: "La patinadora amiense Nadia Iglesias subcampeona Júnior en Europa"
Federadas: "Nadia Iglesias, subcampeona de Europa junior"