Pestanas principais

A película galega O Apóstolo estrease esta fin de semana en Ames cun pase na Casa da Cultura do Milladoiro

Xoves, 20 de decembro de 2012

[20-12-2012] A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este sábado, 22 de decembro, a partir das 20,00 horas a estrea no concello de Ames da película galega O Apóstolo, dirixida por Fernando Cortizo. A próxima semana, o sábado 29, será a quenda de Bertamiráns. Estas proxeccións enmárcanse na completa programación de Nadal deseñada polo Concello de Ames, que inclúe preto de 40 actividades para todos os públicos.

Durante este Nadal estrearase en Ames o filme galego O Apóstolo, a primeira película europea de stop motion rodada en 3D estereoscópico e que se presenta aos Premios Goya con 14 candidaturas. A película, dirixida por Fernando Cortizo e recomendada para persoas maiores de 7 anos, foi recoñecida en festivais internacionais e estreada o pasado 31 de outubro. Os amienses poderán gozar desta historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago en dúas sesións: o sábado 22 de decembro na Casa da Cultura de Milladoiro e o sábado 29 en Bertamiráns, ás 20,00 horas. O prezo das entradas será de dous euros para os maiores de 18 anos e de 1 euro para os menores desa idade. As entradas para asistir a estas proxeccións poderán comprarse unha hora antes do inicio.

A película narra a historia dun preso que acaba de fugarse do cárcere e intentará recuperar un botín agochado anos atrás nunha solitaria e apartada aldea do Camiño de Santiago; pero o que alí vai atopar suporalle unha condena aínda maior da que fuxiu. Sinistros anciáns, estrañas desaparicións, espíritos, un peculiar sacerdote e ata o mesmo arcipreste de Santiago cruzaranse no seu camiño nunha historia de suspense, humor e fantasía.

O filme, dirixido polo compostelán Fernando Cortizo, é a primeira película de animación europea realizada coa técnica stop-motion estereoscópica. A realización deste proxecto levou catro anos de traballo e contou coa participación de Philip Glass na composición da banda sonora e de máis de cen técnicos internacionais que traballaron en películas como 'La Novia Cadáver' ou 'Coraline' e que contou coa intervención de actores consagrados como Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy ou Luís Tosar.

Un Nadal de cine
A programación de Nadal de Ames deseñada pola Concellaría de Cultura tamén inclúe proxeccións de cine infantil. Deste xeito, poderá verse a película Pinocchio 3000 o venres 28 de decembro no Milladoiro, ás 17,00 horas, e O Bosque Animado en Bertamiráns o mércores 2 de xaneiro (tamén ás 17,00 horas).

Ademais, tamén se proxectará a película Enrugas, baseada no cómic de Paco Roca e destinada a público adulto. A proxección será o venres 28 de decembro ás 21,00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.