Pestanas principais

Piño e Rocha convértense nos gañadores da VII edición do Torneo de Chave da Madalena

Martes, 09 de agosto de 2011

[09-08-2011] Tras unha intensa fin de semana onde a festa foi a principal aposta de entretemento para a maior parte dos veciños e veciñas amienses, o sábado 6 celebrouse a sétima edición do Torneo de Chave da Madalena no que subiu ao primeiro posto do podium a parella formada por Piño e Rocha. Un duro corpo a corpo na partida final permitiu que se situaran como gañadores quedando nun meritorio segundo posto a parella constituída por Ernesto e Emilio. O concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, foi o encargado de entregar os trofeos ao equipo campión e subcampión deste torneo.


Dende o Concello de Ames preténdese estimular con este tipo de iniciativas a práctica deste deporte tradicional que se atopa nunha situación de esquecemento debido a falta de coñecemento por parte da mocidade. Coa realización de diversos campionatos ao longo do ano, o goberno local busca lograr que a poboación nova se entreteña co xogo da chave e, por outra banda, pretende evitar que se perda a tradición. A oferta de chave para este mes de agosto complétase coa celebración do Torneo de Chave da Peregrina, que terá lugar na eira deportiva de Bertamiráns o 13 de agosto, e a Copa de Chave 2011, que se realizará no Bar A Granxa en Ortoño o 20 de agosto.


O nivel dos participantes nesta sétima edición do Torneo de Chave da Madalena, ao igual que en anos anteriores, foi excelente o que fomentou que os asistentes as festas do Milladoiro observaran con interese e curiosidade esta práctica deportiva, situación que pretende conseguir o Concello de Ames para evitar que este xogo desapareza.


O estado meteorolóxico acompañou con nubes e pequenas precipitacións aos habitantes de Ames durante a fin de semana polo que moitos decidiron deixar a praia a un lado e achegarse as festas da Madalena, evento que contou cunha gran variedade de actividades de entretemento entre as que destacou o campionato de Chave. Quince parellas participaron neste torneo onde Rocha e Piño gañáronlle a final a Ernesto e Emilio nunha intensa "batalla de chave" onde a puntería foi fundamental para que os gañadores se fixeran co ansiado trofeo.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Piño y Rocha se erigen como la pareja vencedora del torneo de chave amiense"