Pestanas principais

As piscinas descubertas municipais contan a día de hoxe con máis de 3000 carnés de usuario para este verán

Mércores, 01 de agosto de 2018

[01-08-2018] O Concello de Ames expediu máis de 3000 carnés de usuario para gozar das piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro durante este verán. Ademais das piscinas, a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense tamén nun lugar moi concorrido por todos os veciños e veciñas de Ames nesta época do ano. A bo seguro que durante as próximas xornadas, coa vaga de calor que situará ao noso concello con valores próximos aos 40 graos, moitos dos veciños e veciñas de Ames escollerán as piscinas descubertas e a praia fluvial de Tapia como alternativa aos areais da costa galega.


O Concello de Ames oferta este ano varios tipo de abono para que a veciñanza amesá poda facer uso das piscinas descubertas municipais: o familiar de tempada, o individual para toda a tempada, e o abono de tempada para menores de idade. Tamén hai abonos mensuais, ademais de facilidades para familias numerosas e con poucos recursos. A día de hoxe expedíronse 1143 abonos para un total de 3000 carnés de usuario das piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro.

Horarios das piscinas
As piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abren ao público xeral desde mediados do mes de xuño. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns é de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura é de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios hai servizo de vixilancia e socorrismo. Estas instalacións estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.

Cursos de natación e piragüismo
Máis de 30 nenos e nenas amesáns comezaron hoxe os cursos de natación que se desenvolven nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. No pasado mes de xullo participaron nestes mesmos cursos uns 70 rapaces e rapazas, o que eleva a cifra de participación a máis de 100 usuarios/as. Ademais, nos cursos de piragüismo, que se levan a cabo na praia fluvial de Tapia, hai inscritos 35 rapaces e rapazas.

Durante todo o mes de agosto as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán a máis de 30 nenos e nenas, que comezaron hoxe os cursos de natación organizados polo Concello de Ames. Ademais de gozar da auga, os rapaces e rapazas aprenden a nadar ou perfeccionar o seu estilo. O programa está dedicado a ocupar o tempo de lecer dos nenos e nenas durante as vacacións do verán. Deste xeito, tamén aprenden a practicar un deporte novo. Os cursos están organizados pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña.

Ademais, estanse impartindo cursos de iniciación ao piragüismo na praia fluvial de Tapia. Nesta actividade están participando 35 usuario/as de entre 7 e 14 anos. Durante este mes de agosto as clases impártense os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 a 17:30 horas. Os rapaces e rapazas que participan nesta iniciativa poden iniciarse ou perfeccionar a súa técnica. Esta actividade está sendo impartida polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "As piscinas descubertas municipais contan a día de hoxe con máis de 3000 carnés de usuario para este verán"
El Correo Gallego: "As piscinas descubertas de Ames xa contan con máis de 3.000 carnés de usuario para este verán"