Pestanas principais

PixelinPhoto e Autonomogal reciben os galardóns da cuarta edición do Premio Lingua e Empresa

Mércores, 29 de decembro de 2021

A sala de xuntanzas da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu este martes 28 de decembro a entrega de galardóns ás dúas empresas gañadoras do Premio Lingua e Empresa. O xurado da cuarta edición do certame elixiu por unanimidade a PixelinPhoto e Autonomogal Asesores de entre as oito propostas que se presentaron aos premios. Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron un trofeo e un diploma, que se engade á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba a cada categoría.

Os premios Lingua e Empresa, postos en marcha polas Concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica, teñen como obxectivo recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego dende o ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.

Nesta edición, o premio establecía dúas categorías, dotadas cada unha delas con 1500 euros e unha campaña de difusión na radio municipal, Ames Radio. A primeira, a categoría A, premia a aquelas empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos. E a segunda, a categoría B, recoñece a aquelas empresas que se crearon nos dous últimos anos ou que empregan o galego dende esa mesma data.

Ao acto de entrega de premios, celebrado na tarde do martes 28 de decembro, asistiron o alcalde de Ames, Blas García; as concelleiras de Normalización Lingüística e Promoción Económica, Escarlata Pampín e Ana Belén Paz, así como os técnicos municipais destes departamentos, Rosa Moreiras e Jorge Couñago. Estiveron presentes tamén os compoñentes do xurado, formado por Xosé María Fernández Pazos, director de Código Cero; Miguel López Crespo, secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia, e Susana Mayo Redondo, filóloga e unha das responsables do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. En representación das empresas gañadoras, recibiron os galardóns Adrián Cunha Veira, de PixelinPhoto, e Alberto Gómez Sanjurjo, de Autonomogal Asesores.

O alcalde de Ames, Blas García, gabou aos negocios que empregan o galego, malia as dificultades que poida supoñer en certos sectores ou ámbitos sociais. “A lingua galega é o tesouro máis grande que temos no noso país, do que temos que lembrarnos sempre e non só en datas sinaladas. É unha alegría dar premios deste tipo pola gran labor que exercedes. Todas as empresas que usades o galego xa merecedes ter un premio”.

Pola súa banda, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, recoñeceu a exemplaridade destas empresas á hora de demostrar o valor engadido que lles aporta a lingua galega. “Tratamos de premiar o mérito, pero tamén de visibilizar os casos positivos coma os vosos, de entidades que funcionan á perfección e ás que o galego lles aporta un plus de distinción e de confianza. Os meus parabéns a todas as empresas que participaron, polo feito de empregar a nosa lingua nos eidos comerciais e empresariais”. A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sumouse aos parabéns e desexoulles ás empresas éxito e futuro en Ames. “Grazas por escoller Ames para establecer as vosas empresas e emprender. Espero que duredes moitos anos e que vos vexamos crecer da man do galego”.

En representación do xurado, Susana Mayo incidiu no papel chave que teñen as empresas e os negocios na normalización lingüística, así como na calidade das propostas presentadas. “Foi difícil escoller, e iso é bo para Ames e para o seu tecido empresarial. Sodes un espazo importantísimo para a lingua, no que estamos todos e todas. É un pracer ver que o galego vai unido a propostas e a proxectos ilusionantes e de calidade”.

As persoas que acudiron en representación das empresas gañadoras recibiron os premios e compartiron anécdotas relacionadas coa súa actividade profesional. Adrián Cunha, de PixelinPhoto, contou que dende o seu negocio nota ultimamente “moita xuventude que se está mobilizando pola lingua”, e puxo como exemplo a un rapaz de 15 anos que deixou na rede un comentario sobre o seu negocio en galego. Tamén en positivo, Alberto Gómez, de Autonomogal Asesores, destacou que moitos dos seus clientes “buscáronnos a min e a miña empresa polo galego”, nun sector, o da xestoría, no que é “difícil atopar unha empresa que fale e escriba na nosa lingua”.

Empresas gañadoras da cuarta edición do Premio Lingua e Empresa

Na categoría A, de uso consolidado da lingua, na que participaron empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa gañadora foi PixelinPhoto de Bertamiráns, polo seu labor decidido e comprometido a prol da normalización lingüística no eido do comercio. O xurado destacou a aposta desta empresa por situar a lingua galega como elemento de marca, na cerna do produto e da súa relación coa clientela. Nesta categoría participaron un total de 5 empresas.

Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período, a empresa premiada foi Autonomogal Asesores do Milladoiro, por incorporar a lingua á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego tanto na comunicación comercial coma no desenvolvemento dos servizos que ofrece. A esta categoría do premio presentáronse tres entidades.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "PixelinPhoto y Autonomogal recogieron el Premio Lingua e Empresa en Ames"

El Correo Gallego: "Pixelinphoto e Autonomogal Asesores reciben o Premio Lingua e Empresa"

PixelinPhoto e Autonomogal reciben os galardóns da cuarta edición do Premio Lingua e Empresa

Multimedia

  • PixelinPhoto e Autonomogal reciben os galardóns da cuarta edición do Premio Lingua e Empresa
  • PixelinPhoto e Autonomogal reciben os galardóns da cuarta edición do Premio Lingua e Empresa
  • PixelinPhoto e Autonomogal reciben os galardóns da cuarta edición do Premio Lingua e Empresa
  • PixelinPhoto e Autonomogal reciben os galardóns da cuarta edición do Premio Lingua e Empresa