O alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, acompañados do persoal do departamento de Medio Ambiente, visitaron esta semana o ámbito 34 de Cruxeiras, onde se actuou en 27.294,36 metros cadrados correspondentes a 25 fincas e nas que se plantaron 180 árbores frondosas (castiñeiros, carballos, cerdeiras, noceiras e bidueiros). A adhesión ao plan implica que durante o inverno de 2025 estas parcelas serán novamente rozadas con cargo a dito plan e logo deberán ser mantidas polos/as propietarios/as. As persoas con parcelas no ámbito de Cruxeiras aínda poden presentar a correspondente solicitude para adherirse ao plan 2025-2026. Ademais, no pleno ordinario de marzo debaterase a continuidade do plan municipal de prevención de incendios forestais ata 2029.
Durante a anualidade 2024 – 2025 o Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, estivo executando a sétima fase do plan de prevención de incendios forestais mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas secundarias de xestión de biomasa. Dita actuación estase desenvolvendo no ámbito 34 de Cruxeiras, na parroquia de Ames.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca a importancia de que “Ames conte cun plan de prevención e defensa contra lumes forestais, baseado na repoboación de faixas secundarias con árbores frondosas caducifolias. Deste xeito, o Concello busca, ademais de afastar posibles incendios dos núcleos de poboación, recuperar a calidade do solo e aminorar a perda de biodiversidade, ocasionada pola tala masiva nestes espazos de contención. Este plan xorde a finais do ano 2016, despois dos graves incendios sufridos no concello en anos anteriores, como unha aposta por un modelo que dotase de maior seguridade ao noso entorno a través do aproveitamento das faixas secundarias”.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao rural, Javier Antelo, explica que “a lei de montes obriga a ter limpas as faixas secundarias, entón dende o Concello o que facemos con este plan é chegar a un acordo cos propietarios e propietarias das parcelas que están en ditas faixas, para poder actuar nelas plantando árbores frondosas para conseguir un equilibrio na biomasa. A través de dito acordo os/as propietarios/as conseguen un dobre beneficio, primeiro poden cortar a madeira que teñen nesas fincas co conseguinte beneficio económico para eles/as; e posteriormente, realízase unha plantación de árbores frondosas, que sufraga nun 80% do custo total o Concello e o 20% restante ten que ser sufragado polos/as propietarios”.
Estase actuando en faixas de xestión de biomasa, faixas de xestión de vivendas e faixas de xestión illadas. Ata este momento dentro de dito ámbito actuouse en 27.294,36 metros cadrados correspondentes a 25 fincas e nas que se plantaron 180 árbores frondosas (castiñeiros, carballos, cerdeiras, noceiras e bidueiros). A adhesión ao plan implica que durante o inverno de 2025 estas parcelas serán novamente rozadas con cargo a dito plan e logo deberán ser mantidas polos/as propietarios/as.
As persoas con parcelas no ámbito de Cruxeiras aínda poden presentar a correspondente solicitude para adherirse ao plan 2025-2026. Nesta ligazón pódense consultar as bases reguladoras e maila convocatoria para o período 2024-2025. Aquí tamén se poden descargar os modelos de solicitude para adherirse a dito plan.
Afeccións do patrimonio cultural
Unha grande parte do actual ámbito de actuación atópase inmerso en áreas de protección de Patrimonio Cultural. Dentro do ámbito de protección que afecta os elementos arquitectónicos, establécense dúas zonas: área de protección integra (do elemento catalogado); e da área de respecto (do elemento catalogado). Nas parcelas adheridas ao plan de plantacións existen as seguintes afeccións: área integral do Castro de Cruxeiras, da Igrexa de Ames e do Cruceiro; área de protección da Igrexa de Ames; área de protección do Castro de Cruxeiras; e maila área de protección dos cruceiros de Ames e Barouta.
Este feito supuxo a presentación de solicitude de actuación para as rozas e plantación á Dirección Xeral de Patrimonio e posteriormente, seguindo o informe emitido por dita Dirección xeral, a contratación dun arqueólogo coa finalidade de elaborar un plan de actuación específico, para as labores de silvicultura nas para as parcelas e o seguimento das actuacións levadas a cabo nos terreos de protección.
Ademais, outra particularidade das actuacións realizadas no ámbito de Cruxeiras foi que moitas das parcelas adheridas ao plan de repoboación presentan unha elevada pendente impedindo os traballos mecanizados mediante tractor, polo que houbo que recorrer a máquinas profesionais por control remoto con capacidade para traballar en pendentes pronunciadas, preservando o chan gracias ao movemento oscilante das eirugas e do sistema hidráulico das máquinas. A ocupación destas máquinas na limpeza de zonas damnificadas pola Dana, que no mes de outubro afectou ao levante español, atrasou a realización dos trabalos de desbroce.
O traballo realizado divídese en técnico (reunións veciñais, reunións periódicas con propietarios interesados na adhesión ao plan, localización de fincas e marcaxe das superficies de actuación, elaboración de plans de plantación e seguimento das actuacións); e forestal (rozas manuais, mecanizadas mediante tractor ou robot forestal; triturado de restos, subsolado, furado do chan manual, subministro de plantas de frondosas, plantación, aporte de abono de liberación lenta, e instalación de protectores individuais de planta).
Plan municipal de defensa fronte incendios forestais
En decembro de 2017 o pleno do Concello de Ames adoptou, por unanimidade, o acordo para a aprobación do Plan de medidas preventivas fronte incendios forestais mediante plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa do Concello de Ames. Isto supuxo o comenzo dun plan cuatrianual, que proximamente será renovado ata 2029.
O Concello de Ames prioriza o fomento de plantación de frondosas caducifolias, entre as que destacan ameneiros, pradairos, bidueiros, freixos, castaños, cerdeiras, carballos, sobreiras, aciñeiras, abeleiras, faias, umeiros, loureiros, sorbas, noceiras ou érbedos, en aquelas parcelas tipificadas como de risco alto ou moi alto. Concretamente definíronse 59 ámbitos de actuación para levar a cabo este plan de prevención. Este Plan municipal foi medrando grazas a concienciación da veciñanza e a súa participación. Lévase a cabo a través dun sistema mediante o que se subvenciona por parte do Concello de Ames o 80% dos gastos xerados pola plantación de frondosas caducifolias. Os propietarios/as das faixas teñen que achegar o 20% restante.
Cómpre destacar que o Concello de Ames recibiu a confirmación de que o programa iniciado no ano 2017 para minimizar o impacto dos incendios forestais mediante a plantación de especies frondosas e caducifolias nas franxas secundarias está recoñecido oficialmente pola plataforma Interreg Europe como unha boa práctica, polo que poderá servir de modelo para outros países.
Histórico do Plan de prevención
O plan comezou cun proxecto experimental sobre 37 terreos da parroquia de Piñeiro, concretamente nos lugares de Rúa, San Mamede e Covas; nos que se plantaron 815 árbores nunhas 1,9 hectáreas de 33 propietarios e propietarias que se adheriron ao programa.
Na segunda fase, déuselle continuidade aos traballos realizados na primeira fase actuando no ámbito 27 que comprende os lugares de Balindo, Fernande e Vilaverde, na parroquia de Piñeiro. Ademais, actuouse nos ámbitos 4A e 4B de Aldea Nova e Os Batáns e no ámbito 25 que se corresponde con A Folgueira e Mercuto, na parroquia da Ameixenda. Nesta ocasión, actuouse en 5,7 hectáreas, unhas 76 parcelas, con 44 persoas propietarias implicadas e 1.570 árbores autóctonas plantadas.
Xa na terceira fase, rematáronse os ámbitos 4A e 4B que comprenden o Monte de Outeiro e Pena Amarela, en Aldea Nova e Os Batáns. Do mesmo xeito avanzouse no ámbito 9 que inclúe Ventosa, O Lombao e a urbanización do Bosque Animado, na parroquia de Covas. Neste período 2018–2019, traballouse en 3,4 hectáreas, con 514 árbores distribuídas entre 34 parcelas de 30 persoas adheridas ao plan.
A cuarta fase, correspondente ao período 2019–2020, Medio Ambiente presentou actuacións para rematar o ámbito 9, e incorporou os ámbitos 37 de Frenza – Vilouta, na parroquia de Tapia e 55 Montemaior, na Ameixenda. En total, unhas 41 parcelas e unha superficie de 42 hectáreas e 1.076 árbores frondosas plantadas.
Na quinta fase do plan de prevención contra lumes forestais que se corresponde co período 2021–2022 rematáronse os traballos pendentes no ámbito 55 e 9 coa plantación de 1.136 árbores en 48 fincas, o que supón 45,9 novas hectáreas adheridas ao plan.
Na sexta fase executáronse os traballos de plantación no ámbito da Condomiña e da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, onde se actuou sobre unha superficie de 35,8 hectáreas. Plantáronse 897 plantas en 36 fincas.