- Tematica
O expediente de contratación do servizo de monitores dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames vai ao pleno deste xoves 2 de setembro para a súa aprobación. O orzamento base de licitación para a duración inicial do contrato ascende a 3.098.144 €.
A conciliación da vida laboral e familiar converteuse nos últimos anos nunha necesidade para boa parte da sociedade. A incorporación da muller ao mundo laboral, o aumento da esperanza de vida, así coma, o incremento do número de familias monoparentais obrigan a empresas e administracións a tomar partido. Dende o Concello de Ames levan dende principios do século XXI facendo unha aposta clara pola conciliación da vida laboral e familiar cunha ampla rede de servizos complementarios á educación.
Os "Comedores Escolares", o servizo "Bos Días Cole" e "Tardes Divertidas" son proxectos educativos promovidos polo Concello de Ames para propiciar a conciliación entre a vida laboral e familiar, integrados no servizo municipal CONCILIAMES. Estes servizos desenvólvense nos 5 centros escolares do concello (CEIP de Agro do Muíño, CEIP de A Maía, CEIP de Barouta, EEI de Milladoiro, CEP de Ventín) e nas escolas unitarias de Ortoño e Covas (EEI A Igrexa e EEI de Covas), que se incorporaron recentemente ao programa .
Os contratos que permitían prestar estes servizo remataron en xuño do ano 2020. Por iso o Goberno Municipal eleva ao Pleno para a súa aprobación o expediente de contratación mediante procedemento aberto regulación harmonizada, tramitación anticipada, varios criterios de adxudicación, o servizo de monitores dos programas municipais de conciliación de vida laboral e familiar do Concello de Ames. A duración inicial do contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos. O orzamento base de licitación do contrato ascende a 3.079.797 €, máis 18.347 € de IVE (10%), o que fai un importe total de3.098.144 €. Deste importe 1.549.072 € corresponden á anualidade de 2022 e outros 1.549.072 € ao 2023. En canto ao valor estimado do contrato este ascende a 8.777.421 €.
O contrato divídese en tres lotes claramente diferenciados. Un para o servizo de monitores do servizo complementario de educación "Comedores Escolares" e para realizar actividades de lecer antes e/ou despois da comida. Un segundo lote para o servizo de monitores para o coidado e atención dos nenos, para realizar actividades de lecer e para o almorzo do servizo "Bos Días Cole". E por último, un lote co servizo de monitores, para realizar actividades de lecer e coas merendas do servizo complementario de educación "Tardes Divertidas".
Criterios de adxudicación
A adxudicación do contrato vaise realizar en base a criterios obxectivos e subxectivos. Entre os criterios obxectivos vanse avaliar, ata un máximo de 55 puntos, criterios coma o prezo ou a formación dos profesionais. Para a valoración dos criterios subxectivos a empresa deberá presentar un Proxecto Pedagóxico onde se valorará a calidade do servizo que se pretende prestar e un cronograma que recolla a organización concreta do servizo adaptada á realidade de cada un dos comedores escolares do Concello de Ames. Este cronograma recolle, entre outros, a organización da recollida e entrega dos nenos, unha análise dos riscos ou cal vai ser o procedemento operativo e funcional durante a hora da comida, merendas ou almorzos. Os criterios subxectivos evaluaranse ata un máximo de 45 puntos.
Necesidade real
Ames é un concello cunha poboación moi nova. Dos 31.278 habitantes censados en 2018, o 46,09% ten menos de 40 anos polo que os servizos complementarios de educación postos en marcha polo Departamento de Educación do Concello de Ames se fan imprescindibles.
O número de usuarios dos servizos complementarios non fixo máis que aumentar nos últimos anos. Pasando dos 1.204 usuarios do curso 2018/2019 matriculados no servizo "Rede Municipal de Comedores" aos 1.366 do curso 2019/2020. Este aumento en 162 usuarios fai prever que no curso 2021/2022 o número de matriculados chegue aos 1.526.
A mesma tendencia á alza obsérvase no servizo de Bos Días Cole e no de Tardes Divertidas. No curso 2018/2019 foron 315 os alumnos matriculados no Bos Días Cole, pasando a 344 no curso 2019/2020 co que se prevé un ascenso en 29 alumnos ata acadar os 373 para o vindeiro curso 2021/2022.
No caso do servizo de Tardes Divertidas en 2018/2019 houbo 180 matriculados, un número que se incrementou ata os 212 en 2019/2020. Dito aumento fai prever que no curso 2021/2022 cheguen aos 243; 31 máis.
Ademais, a previsión a curto prazo do aumento de 6 unidades máis de primaria no CEIP de Agro e a construción dun novo CEIP no Milladoiro fai pensar nun evidente aumento no número de usuarios dos servizos complementarios de educación.
Presentación datos
Todos os detalles da licitación foron presentados, esta mañá, polo concelleiro de Educación, David Santomil e pola técnica de Educación Rosa García, destacando o importante incremento orzamentario realizado.
O concelleiro de Educación, David Santomil, destacou: "Blindamos a prestación dos programas de conciliación ata o final deste mandato, coa posibilidade de prórrogas. Acadáse unha cifra récord que supera os tres millóns de euros na licitación dos tres lotes e que permite garantir e dar servizo de forma integral ás necesidades de conciliación das familias para os próximos catro anos. Destacar tamén, que todos os servizos intégranse baixo o paraugas da nova marca Conciliames.gal que fai de Ames un concello de referencia neste ámbito."
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia:"Ames licita por tres millones sus tres servicios de conciliación"
El Correo Gallego: "Contrato millonario para asegurar los monitores de tres concilia por dos años"
Lindeiros: "Ames leva a pleno o contrato de monitores dos plan Concilia para os vindeiros tres anos"