Pestanas principais

A poboación do Milladoiro está exposta ao ruído e contaminación provocada pola gran cantidade de tráfico que soporta a avenida de Rosalía de Castro

Venres, 09 de febreiro de 2024

O Concello de Ames realizou en 2018 un estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro. Dito estudo recolle que arredor do 15% da poboación desta localidade amesá está exposta ao ruído do tráfico que soporta a avenida de Rosalía de Castro. Neste estudo detállese a repercusión que ten para a veciñanza de Ames o tránsito de máis de 30.000 vehículos diarios pola travesía do Milladoiro. A isto hai que sumarlle a emisión de CO2 dos vehículos que circulan por este tramo da N-550. Dende o Goberno municipal apelan a este estudo para manifestar unha vez máis a necesidade de humanizar a avenida de Rosalía de Castro xa que repercutirá de xeito positivo na saúde da veciñanza do Milladoiro.

“A humanización do Milladoiro é moi necesaria. É un proxecto no que levamos moitos anos traballando e cremos que vai ser moi beneficioso para a veciñanza desta localidade. Vai repercutir de xeito positivo na saúde de todos os veciños e veciñas porque se vai eliminar gran parte do ruído e contaminación que provocan a gran cantidade de vehículos que circula diariamente por este tramo da N-550 ao seu paso polo Milladoiro”, explica o alcalde de Ames, Blas García.

Ademais, o rexedor municipal indica que “o obxectivo é calmar o tráfico e adaptar a avenida de Rosalía de Castro aos usuarios vulnerables, mellorando a mobilidade, seguridade e sustentabilidade. É certo que coa eliminación do tráfico pesado melloraron os índices de ruído e de emisións de CO2, pero non é suficiente. Cremos que hai que seguir dando pasos para mellorar a vida da veciñanza do Milladoiro e a solución definitiva é humanizar a principal travesía deste núcleo con espazos públicos máis amables para a cidadanía coa finalidade de favorecer o tránsito peonil sobre o tráfico rodado”.

Estudio acústico da estrada N-550 ao seu paso polo Milladoiro
O Concello de Ames realizou un estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro. Dito estudo indica que a poboación exposta aos valores superiores aos Obxectivos de Calidade fixados pola normativa vixente para edificios residencias sería a poboación exposta a valores superiores a 65 dB(A) para os períodos de día, vespertino; e para valores superiores a 55 dB(A) para o período nocturno.

Así durante o día, 776 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 857 persoas a valores de 70 – 75 dB(A). Pola tarde, 1.281 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 210 persoas a valores de 70 – 75 dB(A). Pola noite, 489 persoas están expostas a valores de 55 – 60 dB(A), 1.238 persoas están expostas a valores de 65 – 70 dB(A) e 12 persoas a valores de 70 – 75 dB(A).

Trala realización de dito estudo, pódese observar que a poboación exposta a ruído nas seccións censais lindeiras coa estrada N-550 aproxímase ao 15%. Ademais, realizouse a análise de poboación exposta tras a completa eliminación do tráfico de vehículos pesados (de peso superior a 3,5 Tm) polo tramo de estrada obxecto de estudo, obténdose reducións de ao redor dun 11% nos períodos día e tarde e dun 6% en noite.

Ensaios de ruído e cálculos de vehículos
Para a realización de dito estudo consideráronse todos os edificios comprendidos en cada unha das seccións censais lindeiras coa estrada N-550 ao seu paso polo concello de Ames. Realizouse sobre o distrito número tres, dividido en seis seccións, no que residían preto de 12.000 persoas. Para elo realizáronse ensaios de ruído e cálculos de vehículos durante os días 12 e 14 de xuño de 2018. Procedeuse a calcular tanto a Intensidade Media Diaria (IMD) como a Intensidade Media Horaria (IMH) nos diferentes períodos do día (día: de 07:00 a 19:00h; tarde: de 19:00 a 23:00h; e noite: de 23:00 a 07:00 horas). Para este estudo estableceuse unha Intensidade Media Diaria de tráfico (IMD) de hipótese de 29.090 vehículos.

Doutra banda, observouse unha distribución do tráfico diferente en función do sentido de circulación. Por iso, simulouse a estrada considerando dobre eixo e asignando a cada un deles os seguintes datos de tráfico: IMD dirección Padrón de 14.545 vehículos (IMH día 812 vehículos; IMH tarde de 764 vehículos; e IMH de noite de 218 vehículos); e IMD dirección Santiago de 14.545 vehículos (IMH día 945 vehículos; IMH tarde de 618 vehículos; e IMH de noite de 91 vehículos). Estes foron os datos de tráfico empregados para a simulación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Un 15% da poboación do Milladoiro está exposta á contaminación e ao ruído do tráfico que soporta a travesía"

Imaxe de arquivo da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe do estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro
  • Imaxe do estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro
  • Imaxe do estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro
  • Imaxe do estudo acústico da estrada N-550 ao seu paso polo núcleo urbano do Milladoiro