Pestanas principais

A Policía Local de Ames dá conta das actuacións realizadas ao longo do primeiro trimestre de 2018

Mércores, 18 de abril de 2018

[18-04-2018] As actuacións da Policía Local de Ames volveron estar protagonizadas nestes primeiros meses de 2018 polas intervención en prol da seguridade viaria. De igual maneira, as e os axentes tamén realizaron ao longo destes meses diferentes accións despois de denuncias de furtos e accidentes de tráfico, adoptando asemade medidas especiais nos días de temporal. Así mesmo, ao longo de xaneiro, febreiro e marzo, a Policía Local tamén puxo en marcha unha serie de campañas en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, nos núcleos tanto de Bertamiráns como do Milladoiro.

A Policía Local de Ames fai balance das actuacións realizadas durante os tres primeiros meses destes 2018. Neste novo balance, os accidentes de tráfico volveron protagonizar un grande de número das accións realizadas polas e polos axentes. Desta maneira, a primeira das actuacións realizouse o 1 de xaneiro, ao ter lugar un accidente de tráfico debido ao atoparse un dos condutores implicados baixo a influencia das bebidas alcohólicas. Debido a isto, realizáronse as dilixencias correspondentes, que foron remitidas ao Xulgado de Garda.

Un día despois, o 2 de xaneiro, a Policía Local de Ames tivo que actuar ao recibir a chamada dunha condutora que se tiña saído co seu vehículo na vía das Pateiras, chegando a envorcar o coche e ocupando un carril de circulación. Unha vez no lugar, a Policía Local regulou o tráfico ata a chegada da grúa. O 3 de xaneiro tamén se produciu unha saída de vía, neste caso na rotonda do instituto de Bertamiráns, na que resultaron feridas tres persoas que foron trasladadas ao Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). A Policía Local colaborou no traslado dos feridos e na sinalización da zona.

O día 10, produciuse un accidente de circulación con feridos na avenida Rosalía de Castro, polo que a Policía Local tivo que efectuar as dilixencias pertinentes. Unha situación semellante tivo lugar o día 11, cando volveu ocorrer un novo accidente con feridos. Nesta ocasión, a Policía Local colaborou cos distintos medios alí presentes, realizando o atestado e levando a cabo servizos de mantemento da vía e control do tráfico.  

Tamén en xaneiro, o día 20 deste mes, a Policía Local de Ames tivo que actuar noutro accidente de circulación, que provocou danos en bens públicos. O condutor, que no momento no que se presentou a patrulla da Policía Local, non se atopaba no lugar do accidente, foi localizado uns minutos despois con signos de embriaguez. O condutor foi detido por delitos de atentado contra a autoridade e contra a seguridade viaria.

Posteriormente, xa no mes de febreiro, o día 2, a Policía Local recibiu un aviso dun accidente en Portanxil con feridos atrapados no propio vehículo. A patrulla de garda desprazouse ata o lugar dos feitos, onde realizou labores de control de tráfico. Semanas despois, o 23 de febreiro, a Policía Local de Ames identificou, na quenda de noite, un vehículo circulando de forma anormalmente reducida. Unha vez paralizado o vehículo, detectouse que o condutor se atopaba baixo a influencia do alcohol. Trala realización da proba de alcoholemia, que arroxou un resultado positivo, imputóuselle ao condutor un delito contra a seguridade viaria, realizando as dilixencias que se remitiron ao Xulgado de Garda. Así mesmo, en marzo, o día 23, a Policía Local volveu imputar outro delito contra a seguridade viaria ao dar un condutor un resultado positivo na proba de alcoholemia realizada no núcleo de Bertamiráns.

No día a seguir, o 24 de marzo, a patrulla de Bertamiráns observou outro vehículo circulando sen luces e en zig-zag, polo que se procedeu á detención do automóbil e se realizou unha proba de alcoholemia. Tras o resultado positivo ofrecido pola proba, a patrulla realizou as correspondentes dilixencias que remitiu ao Xulgado de Garda.  

Avisos do 112 e actuacións en casos de incendio
O primeiro día do ano, a Policía Local de Ames recibiu un aviso do 112 solicitando a súa presenza no Milladoiro, onde se estaba a reanimar a unha persoa na vía pública. Debido a grande afluencia de xente no lugar, a Policía Local tivo que adoptar medidas para dispersar a veciñanza alí congregada. Os días 2 e 7 de xaneiro, a Policía Local recibiu novamente dúas chamadas do 112, debido á existencia de incendios en vivendas localizadas en Eirapedriña, na parroquia de Bugallido, e en Pegariños, en Ames, respectivamente. O 8 de xaneiro, o 112 volveuse pór en contacto coa Policía Local para informala de que había unha persoa atrapada no ascensor dun edificio no Milladoiro.

Ao longo deste primeiro trimestre de 2018, a Policía Local de Ames recibiu catro avisos máis por causa de incendios: o 10 de xaneiro, o 5 de febreiro e o 1 e o 2 de marzo. Estes lumes producíronse en Outeiro, na parroquia de Bugallido; no lugar de Casanova, en Bugallido; e en dous baixos do Milladoiro. 

Denuncias por violencia de xénero e intrafamiliar
O 5 de xaneiro, a Policía Local recibiu dúas chamadas continuadas alertando dunha disputa entre unha parella moi nova no Milladoiro, na vía pública. A patrulla de garda presentouse no lugar identificando ás persoas implicadas e realizando o informe correspondente. Neste sentido, o día 6, a Policía Local recibiu outra chamada denunciando unha agresión machista. A patrulla estivo coa muller agredida, realizando a posteriori un informe ao respecto.

O día 17, de patrulla polo Milladoiro, a parella de axentes de garda identificaron a unha parella, da que sabían que el tiña unha orde de afastamento. Despois de confirmar a vixencia da medida, a Policía Local procedeu á detención do home polo quebrantamento da orde. Días despois, o 25 de xaneiro, recibiuse novamente un aviso de que había dúas mulleres a discutir fortemente nun piso en Bertamiráns. O 27 deste mes, as e os axentes tamén tiveron que mediar nunha discusión familiar en Bertamiráns; mentres que o 11 de marzo tiveron que volver actuar debido ás chamadas da veciñanza por causa dunha discusión entre unha parella no Milladoiro. 

No mes de febreiro, producíronse dúas denuncias máis por agresións machistas dentro da parella, ambas na localidade de Bertamiráns. A Policía Local trasladou nos dous casos ás mulleres ata o PAC e tramitou as denuncias. No referido á violencia intrafamiliar, a Policía Local tivo que incoar, nestes tres meses, un procedemento debido a desatención dunha menor e actuar perante outra agresión física dentro do ámbito familiar, enviando as correspondentes dilixencias ao Xulgado de Garda. 

Outras actuacións
Neste primeiro trimestre de 2018, a Policía Local desenvolveu outros traballos que axudaron a garantir a seguridade e a boa convivencia entre a veciñanza do concello. Desta maneira, o 2 de xaneiro, a Policía Local de Ames tivo que buscar e localizar a dúas mulleres que se tiñan perdido ao ir pasear. Unha vez foron atopadas, procedeuse ao seu traslado ata as súas vivendas. Unha situación que se repetiu o 28 de marzo, coa localización dunha muller maior que se tiña desorientado e que non sabía regresar a súa casa.

O 20 de xaneiro, a Policía Local tivo que actuar debido a un accidente laboral en Bertamiráns. Alén diso, as e os axentes tamén tiveron que efectuar medidas contra o furto, nomeadamente o 19 de febreiro, ao localizar a unha parella, que tiña roubado unha moto e que a tiña agochada. Inmobilizada a mesma; trasladáronse as dilixencias incoadas ao respecto ao Xulgado de Garda. Un mes despois, o 20 de marzo, tamén na quenda de noite, a Policía Local identificou un individuo baixo unha orde de detención e personificación no Xulgado, polo que se procedeu a súa detención e traslado ás dependencias da Garda Civil. 

As actuacións da Policía Local de Ames completáronse coa posta en marcha de dispositivos especiais por mor da Cabalgata de Reis, da celebración da terceira edición do Transgalaica Concello de Ames e da Ames Cup de fútbol 8, en Bertamiráns. Do mesmo xeito, a Policía Local tamén formou parte do operativo realizado por causa da borrasca Félix, colaborando tamén coa Dirección Xeral de Tráfico na realización das campañas de control da utilización do cinto e dos sistemas de retención infantil, así como de control das condicións dos vehículos.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Policía Local de Ames fai balance do primeiro trimestre de 2018"
Compostela 24 horas: "La Policía Local de Ames da cuenta de las actuaciones realizadas a lo largo del primer trimestre de 2018"