Pestanas principais

A Policía Local de Ames detivo esta madrugada a dous homes que tentaban roubar no interior dun garaxe en Bertamiráns

Mércores, 16 de maio de 2012

[16-05-2012] O arresto destas dúas persoas enmárcase nun operativo especial de seguridade no que colaboran a Policía Local de Ames e a Garda Civil do Milladoiro, motivado polos casos de roubos en garaxes comunitarios rexistrados nos últimos días tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. A Policía solicita aos veciños a súa cooperación para que alerten aos axentes ante calquera ruído sospeitoso no garaxe ou ante a presencia dalgunha persoa no contorno.

Axentes da Policía Local de Ames, en colaboración coa Garda Civil do Milladoiro, detiveron esta madrugada en Bertamiráns a dúas persoas por roubo con forza no interior dun garaxe. O operativo, que se puxo en marcha grazas ao aviso dun veciño da rúa Poeta da Maía, permitiu deter a dous homes, de iniciais E.O.T. e J.R.R.U., que xa contan con antecedentes por feitos similares e outras actuacións delitivas.

A detención destas dúas persoas enmárcase nun operativo especial de seguridade no que colaboran a Policía Local de Ames e a Garda Civil do Milladoiro, motivado polos casos de roubos en garaxes comunitarios rexistrados nos últimos días tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.

A Policía Local de Ames quere agradecer especialmente a colaboración cidadá, que cos seus avisos aos axentes permite que este operativo estea a recoller froitos. A Policía solicita aos veciños a súa cooperación para que alerten aos axentes ante calquera ruído sospeitoso no garaxe ou ante a presencia dalgunha persoa no entorno.

Os axentes recomendan tomar certas precaucións á hora de saír e entrar no garaxe, para impedir que ninguén se introduza no garaxe neses momentos. Ademais, lembran a necesidade de cambiar os códigos de frecuencia para a apertura dos garaxes en caso de perda dos mandos.

Os feitos polos que resultaron detidas dúas persoas rexistráronse ás 4,40 horas desta madrugada na rúa Poeta da Maía de Bertamiráns. A chamada dun veciño do edificio permitiu aos axentes sorprender aos dous homes no interior do garaxe. Durante o arresto, os sospeitosos tentaron agredir e ameazaron aos axentes. Finalmente, foron postos a disposición da Garda Civil do Milladoiro e do Xulgado de Garda. Tanto E.O.T. como J.R.R.U. están acusados dun delito de roubo con forza nas cousas, atentado contra os axentes e ameazas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Un vecino avisa del robo en un garaje de Bertamiráns y facilita dos detenciones"
El Correo Gallego: "Detidos dous homes cando tentaban roubar nun garaxe de Bertamiráns"