Pestanas principais

A Policía Local de Ames imputa dous delitos contra a seguridade viaria

Venres, 15 de febreiro de 2013

[15-02-2013] A Policía Local de Ames continúa traballando en prol da seguridade da cidadanía amiense. Nos últimos días, os axentes imputaron dous delitos contra a seguridade viaria, tras detectar a unha persoa que conducía un vehículo sen obter nunca o permiso de condución e a outra por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Os feitos tiveron lugar na Avenida da Maía e na rúa de Fontaldeiro, situadas en Bertamiráns.

O primeiro suceso rexistrouse na Avenida da Maía, na madrugada do 11 de xaneiro. Os axentes realizaban un servizo de patrulla por esta rúa cando detectaron a dous vehículos circulando en dirección Noia, identificando a un deles como un turismo que o día anterior se deu á fuga cando tentou detelo unha patrulla. Tras a detención de ambos turismos, os axentes procederon a requirir a documentación, descubrindo que o Peugeot, que se dera á fuga o día anterior, non dispoñía de permiso de circulación, presentaba a Inspección Técnica caducada e que o seu condutor aseguraba carecer de permiso de conducir. Unha vez consultada a base de datos da Garda Civil, a Policía Local comprobou que esta persoa nunca foi titular de ningún permiso ou licencia de condución.

Por estes feitos, os axentes realizaron a denuncia por non presentar a inspección técnica periódica do vehículo no prazo debido, cumprimentaron dilixencia de inmobilización do turismo e elaboraron as dilixencias por carecer a persoa que levaba o coche de permiso ou licencia de condución.

O segundo caso tivo lugar na rúa Fontaldeiro de Bertamiráns, cando ás 19:43 horas da tarde do 12 de febreiro os axentes da Policía Local reciben aviso de que había unha persoa nesta rúa baixo a influencia de bebidas alcólicas e que pretende conducir un coche. Unha vez chegaron ao lugar dos feitos, os axentes comprobaron como a persoa iniciaba a marcha co vehículo, chegando a golpealo contra un dos muros da rúa. Os axentes realizáronlle unha primeira proba de alcol en aire expirado con un resultado de 0,95 mg/l. sendo o máximo permitido 0.25 mg/l. Nunha segunda proba, o resultado foi de 1,03 mg/l. A continuación, a Policía Local abriu as correspondentes dilixencias contra esta persoa.

Colaboración con Tráfico
Ademais destas dúas actuacións, entre os días 11 e 17 de febreiro a Policía Local de Ames está participando na campaña especial de vixilancia e control de camións e furgonetas que puxo en marcha a Dirección Xeral de Tráfico. No marco desta campaña, realízanse controis tanto sobre os vehículos (autorizacións e documentos, condicións técnicas e elementos de seguridade, etc..) como sobre os condutores (permisos de condución, tempos, descansos e alcol).

Esta colaboración verase intensificada tras a sinatura, na xornada de onte, dun convenio entre o Concello de Ames e a Xefatura Provincial de Tráfico no que se fixa o marco básico de colaboración e que inclúe unha addenda para a cesión de vehículos ou de equipos medidores, como etilómetros, cinemómetros ou medidores de potencia.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames imputa a dos vecinos sendos delitos contra la seguridad vial"
El Correo Gallego: "Imputan en Ames dous delitos contra a seguridade viaria por circulan sen permiso e ir ebrio"