Pestanas principais

A Policía local de Ames realizou 1628 controis dentro da campaña sobre distraccións ao volante que puxo en marcha a Dirección Xeral de Tráfico

Martes, 27 de marzo de 2012

[27-03-2012] O Concello de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña especial sobre distraccións ao volante que se levou a cabo entre os días 5 e 18 de marzo. A Policía local de Ames realizou 1628 controis de vehículos e doulle o alto a 178 condutores para comprobar se circulaban falando polo móbil ou empregando auriculares conectados a aparellos receptores ou reprodutores de son. Os axentes proporcionáronlle información aos condutores sobre os principais motivos que producen distraccións ao volante. Tamén se controlou aos condutores por se empregaban ou manipulaban durante a condución pantallas de acceso á internet, monitores, reprodutores de vídeo, DVD ou navegadores. A través destes controis pretendeuse mellorar a seguridade viaria. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames envioulle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

A Dirección Xeral de Tráfico realiza de maneira periódica campañas de sensibilización e concienciación sobre a distracción, emitindo anuncios en televisión e cuñas divulgativas na radio con diferentes situacións nos que a distracción aparece como factor de desencadeamento do accidente, co fin de lembrar que o coche é unha máquina perigosa e que o conducir require a máxima atención. En cumprimento da programación das campañas e operacións de vixilancia e control para o ano 2012 que leva a cabo a Dirección Xeral de Tráfico, entre os días 5 ao 18 de marzo desenvolveuse unha campaña especial sobre distraccións ao volante.

Nesta campaña colaborou a Policía local de Ames que incrementou o número de controis nas estradas do municipio co fin de controlar a todos aqueles condutores que teñen o hábito de conducir falando polo móbil, empregando cascos ou auriculares conectados a aparatos receptores o reprodutores de son distintos aos teléfonos móbiles. Un dos principais motivos que xera a distracción do condutor é a utilización do teléfono móbil durante a condución. Os controis tamén se realizaron para evitar a manipulación durante a condución de pantallas de acceso á internet, monitores, reprodutores de vídeo ou DVD ou de navegadores.

Durante os 14 días nos que se desenvolveu esta campaña a Policía local de Ames realizou un total de 1628 controis e deulle o alto a 178 condutores para comprobar se estaban cometendo algunha infracción. Os axentes tamén lle proporcionaron información aos condutores sobre a campaña de distraccións ao volante que puxo en marcha a Dirección Xeral de Tráfico. A través desta campaña tamén se detectaron outro tipo de infraccións como non ter o seguro obrigatorio do vehículo ou ter sen pagar o imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

O principal motivo desta campaña foi concienciar a cidadanía da importancia da condución responsable, pero estivo dirixida tamén a outros colectivos, como os peóns e os ciclistas onde é frecuente observar actos ou comportamentos imprudentes, especialmente na contorna urbana.

Últimas actuacións

Ademais, a Policía local fixo balance das incidencias rexistradas durante a última fin de semana. Na madrugada do pasado venres ao sábado, pouco antes das dúas da mañá, produciuse un delito contra a seguridade viaria. Estando de patrulla pola Avenida da Maía os axentes da Policía local observaron un accidente de circulación na intersección de esta avenida coa Rúa do Pedregal. Os dous condutores implicados no accidente foron sometidos ao correspondente control de alcolemia. Un dos condutores dou positivo cun resultado de 0,64 miligramos de alcol por litro de aire expirado, cando o valor máximo está situado en 0,25. Ante iso procedeuse a abrir dilixencias contra o condutor por un delito contra a seguridade viaria.

Esa mesma noite a Policía local abriu dilixencias contra outro condutor polo mesmo motivo. Os axentes recibiron unha chamada de que un home estaba parado no Camiño de Paraxo presentando síntomas de estar baixo os efectos do alcol. Unha vez alí realizóuselle a proba de alcolemia e deu positivo, polo que foi traslado a dependencias policiais para instruír as correspondentes dilixencias. Durante a pasada fin de semana produciuse un terceiro caso de alcolemia positiva o domingo 25 de marzo na Avenida Rosalía de Castro, no Milladoiro.

A policía local tamén tivo que actuar para denunciar a un condutor por realizar estragos no mobiliario público e nun vehículo que estaba estacionado. A madrugada do venres para o sábado 24 de marzo a Policía local recibiu unha chamada alertando de que un vehículo estaba subido na beirarrúa da avenida da Maía. Trasladados ao lugar dos feitos os axentes comproban que un dos bancos que están colocados na beirarrúa fora arrastrado ata diante do vao dun dos edificios. Pouco despois os axentes tamén recibiron aviso de dúas persoas indicando que un vehículo lle causará danos a un turismo da súa propiedade. Segundo informaron estas persoas un vehículo de cor azul golpeou o seu turismo pola parte traseira e ao estar estacionado golpeou contra o que estaba diante. Finalmente, os axentes localizaron un vehículo que presentaba danos importantes na súa carrocería e segundo os datos achegados polas persoas denunciantes correspondía co vehículo que provocará os altercados. Deste xeito, abríronselle dilixencias ao seu condutor.