- Tematica
Ao longo de toda a semana a Policía Local de Ames vai realizar controis en todo o territorio de Ames para vixiar o cumprimento dos límites de velocidade. Do mesmo xeito, os axentes están a realizar controis de alcol e drogas durante as fins de semana nas zonas de ocio nocturno. Nos controis realizados esta fin de semana foron denunciadas dúas persoas por superar a taxa de alcol permitida. O balance da fin de semana tamén se salda cunha persoa detida por desobediencia, resistencia e atentado aos axentes da autoridade.
A Policía Local de Ames está a realizar controis preventivos de alcol e drogas. Estes operativos intensifícanse nas fins de semanas e nas zonas de locais de ocio nocturno dos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro. Entre as probas realizadas, dúas persoas deron positivo. A quenda da noite do venres saldouse cunha persoa denunciada administrativamente por conducir cunha taxa de alcol de 0,38 mg/l na primeira proba e 0,35 mg/l na segunda.
Na xornada do sábado realizáronse novos controis de alcol e drogas, co resultado dunha persoa denunciada administrativamente por conducir cunha taxa de alcol do 0,46 mg/l na primeira proba e 0,46 mg/l na segunda.
O balance da fin de semana saldouse, ademais, cunha persoa detida na mañá do sábado por desobediencia, resistencia e atentado aos axentes da autoridade.
Ao longo da semana a Policía Local de Ames vai realizar controis de velocidade no concello. Vixiaranse especialmente as rúas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro co obxectivo de reducir a accidentalidade e as consecuencias derivadas dos sinistros.
Os axentes municipais contan con dous radares, un radar móbil propio da Policía de Ames e un vehículo, cedido pola DXT, equipado cun radar e cun etilómetro.
A velocidade excesiva ou inadecuada segue a ser unha das principais causas dos accidentes de tráfico. Non se pode esquecer que no 29% dos casos de accidentes mortais a velocidade foi un factor determinante. Unha velocidade axeitada evitaría unha cuarta parte das vítimas mortais en accidentes de tráfico.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández, destacou o traballo realizado pola Policía Local de Ames e motivou a realización de controis de velocidade “con este tipo de controis o que se pretende é concienciar á cidadanía da importancia de circular á velocidade indicada, especialmente en espazos urbanos nos que distintos tipos de vehículos comparten espazo cos peóns”.
Balance Campaña de Vigilancia e Control distraccións ao volante
A Policía Local de Ames presentou o balance da Campaña da DXT “Vixilancia e control de distraccións ao volante” que se realizou entre o 16 e o 23 de setembro. Esta campaña ten por obxecto concienciar aos condutores sobre a importancia de evitar as distraccións ao volante.
Os axentes da Policía Local controlaron un total de 755 vehículos ao longo dos sete días que durou a campaña. Nesta edición da campaña denunciáronseun total de 5 vehículos. Dese total, 4 correspóndense coa utilización do teléfono móbil ao volante e unha por utilizar cascos ou auriculares mentres se conduce.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames realiza controles de velocidad esta semana"
Revista AmesGo: "Cinco multas en Ames por uso do móbil ou auriculares ao volante"