- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade vén de lanzar a campaña informativa sobre a redución da velocidade no interior dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Baixo o lema “A 30 Ames é máis” preténdese que o concello sexa máis amable, máis divertido, máis saudable e máis noso... Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames. Para difundir dita campaña entre a veciñanza elaboráronse carteis, folletos informativos e unhas chapas con refráns e mensaxes motivadoras.
O Concello de Ames está inmerso na licitación do Plan de mobilidade integral municipal sostible, que conta cun presuposto base de licitación de 90.000 euros, IVE incluído. A través de dito plan preténdese ter unha posición global do concello, non só nos desprazamentos internos senón tamén en referencia aos aparcamentos disuasorios e á implantación de novas medidas de tráfico, entre elas a implantación da redución da velocidade a 30 km/h.
Dito plan tamén ditaminará como se debe conectar Ames con Santiago de Compostela, a través do transporte público, e como implantar, se é posible, unha liña de transporte interno ente Bertamiráns e O Milladoiro, así como o transporte baixo demanda para conectar o rural cos núcleos urbanos. O obxectivo é que o Plan de mobilidade achegue un deseño xeral para o concello de cara a implantar a mobilidade ciclabe e carrís bicis que haberá que empezar a construír a partir do que se especifique en dito plan.
O contrato para a elaboración do Plan de mobilidade integral e sostible do Concello de Ames ten o seu encaixe na liña 3, “Programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público”, da estratexia DUSI Impulsa Ames, que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirregional de España – FEDER POPE-FEDER. A redacción deste plan enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.
Redución da velocidade nos núcleos urbanos
Unha das medidas que se enmarca dentro de dito plan é a redución da velocidade a 30 km/h no interior dos núcleos urbanos. Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames. O obxectivo é informar á veciñanza de que en varias das rúas interiores dos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro vaise a reducir a velocidade dos vehículos a 30 quilómetros por hora.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, explicou que “implantar a redución de velocidade a 30 km/h nalgunhas rúas dos núcleos urbanos vainos servir de referencia para ver como funciona esta medida. No momento en que teñamos o Plan municipal de mobilidade, adaptarémonos aos requisitos que os técnicos nos digan. É certo que os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, polas rúas que teñen e polas súas características de poboación piden este cambio. Todos sabemos que se imos por calquera rúa de Bertamiráns ou do Milladoiro, en calquera momento pode saír a rúa un neno ou nena, polo que é necesario adoptar esta medida que redunda na seguridade dos peóns. Ademais, penso que para o sector do comercio vai a ser unha medida beneficiosa”.
A percepción do espazo urbano está a cambiar dende hai uns anos, antes as cidades estaban feitas para os coches, pero hoxe en día debemos ter claro que as cidades son para as persoas. Esta situación quedou patente despois do confinamento vivido por mor da Covid-19. Por iso, Ames quere sumarse as cidades que están apostando por favorecer o tránsito peonil e en bicicleta dentro dos núcleos urbanos.
Deste xeito, apóstase polos desprazamentos eficientes: o desprazamento peonil en tramos curtos, a bicicleta ou VMP en traxectos medios e o transporte público colectivo en traxectos longos. A redución da velocidade dos vehículos dálle maior seguridade ás persoas que camiñan ou que van en bicicleta nos seus desprazamentos. Ademais, a redución da velocidade aumenta a seguridade viaria en xeral e a peonil en particular; e cambia os hábitos de condución producindo un importante descenso de consumo enerxético.
Medidas para fomentar a prioridade peonil
Miñones tamén destacou que “ao longo dos cinco anos que levamos gobernando puxéronse en marcha unha serie de medidas de prioridade peonil. Así o fixemos na rede de semáforos regulándoos tendo en conta a prioridade peonil. Aínda así, seguirá habendo rúas nos núcleos urbanos nas que o límite da velocidade seguirá sendo de 50 km/h, e seguiremos facendo controis de velocidade onde cremos que é necesario como é a N-550 ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, entre outros puntos do municipio”.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explicou que “a través da campaña `A 30 Ames é máis´preténdese reducir a velocidade nos núcleos urbanos para poder facer cidades máis humanizadas, máis divertidas, máis amables e cidades adaptadas aos seus habitantes. Para difundir esta campaña entre a cidadanía elaboráronse carteis informativos, chapas con refráns populares e con mensaxes motivadoras, así como folletos informativos cun código QR, que enlaza coa páxina web municipal, onde a través dun banner, que está na cabeceira da páxina de inicio, pódese obter máis información de dita campaña”.
O inspector da Policía Local, José Antonio Rodríguez, explicou que “este tipo de actuacións de redución da velocidade están avaladas por informes da Dirección Xeral de Trafico (DXT) e da Fundación para a seguridade viaria (FESVIAL). Indican que reducindo a velocidade redúcese considerablemente o índice de mortalidade. De feito, se hai un accidente a 30 km/h, menos do 5% das persoas falecen, mentres que tendo un accidente de tráfico a 50 km/h o índice de mortalidade increméntase ata o 45%. Hai que adaptarse ao cambio, vai ser complicado, pero apostamos por esta medida que vai permitir gañar en calidade de vida para os veciños e veciñas que residen nos núcleos urbanos e tamén para o comercio local”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Campaña amesá para limitar a velocidade a 30 quilómetros nas urbes”
La Voz de Galicia: "Activan en O Milladoiro y Bertamiráns el plan para reducir la velocidad máxima a 30 kilómetros por hora"
Lindeiros: "Ames a 30 Km/h"