- Tematica
O vindeiro sábado, 14 de decembro, realizarase no campo da festa de Biduído o festival SolporSon de Ames, no que dende as 17.00 horas haberá batalla de galos e unha exhibición de grafite. O festival estará presentado pola xornalista, Paula Señarís. Dende as 19.30 horas actuarán os grupos Náiade, Triska, Monoulious Dop, De Vacas, Biribirlocke e Sondarúa. Tres destas bandas musicais: Náiade, Triska e Biribirlocke son grupos locais de Ames. Náiade e Triska, que ensaian na Factoría, debutan actuando nun festival. Trátase dunha nova iniciativa posta en marcha dende a Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística, que xorde das xuntanzas realizadas cos mozos e mozas dentro da Comisión de orzamentos participativos. Haberá actividades de cultura urbana e moita música.
O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu hoxe ao mediodía a presentación do festival SolporSon de Ames 2019. No acto de presentación participaron a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, a xornalista, Paula Señarís, que se encargará de presentar o festival, o músico e integrante do grupo amesá Biribirlocke, Benjamín Seoane, e maila técnica da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), Pili Villaverde. Trátase dunha nova iniciativa dirixida á mocidade amesá.
O SolporSon de Ames 2019 terá lugar no campo da festa de Biduído, nas inmediacións da Factoría, local onde ensaian algúns dos grupos amesáns que forman parte do cartel do festival. Para facilitar o desprazamento de todas as persoas que se queiran achegar haberá un servizo de autobuses, que será de balde, dende O Milladoiro e Bertamiráns. A información dos horarios do servizo de autobús publicarase nas redes sociais da OMIX e na páxina web do Concello de Ames.
As primeiras actividades planificadas para este festival son unha batalla de galos e unha exhibición de grafite. Ambas actividades estarán dinamizadas por Vella Escola, referente dende hai xa 10 anos na organización de actividades de Cultura Urbana dirixidas á mocidade. A continuación, dende as 19:30 horas, teremos a oportunidade de gozar das diferentes actuacións musicais.
Náiade será o primeiro grupo que veremos enriba do escenario. Trátase dunha banda local de rock-blues galego que poderemos ver por primeira vez no SolporSon de Ames. Trisca é o seguinte grupo local en actuar. Eles son 3 mozos que levan tocando dende o pasado mes de setembro e que tamén debutarán en Biduído. Con Biribirlocke completamos as agrupacións locais que actuarán no festival. Son de Bugallido e levan dende o ano 2010 facéndonos desfrutar do seu rock and roll. Monolius Dop, Son da Rúa e De Vacas son os outros grupos que actuarán na noite do 14 de decembro.
A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, explicou que “na procura de novas iniciativas para a mocidade nace o SolporSon de Ames; un festival, organizado dende o departamento de mocidade, que xurde das xuntanzas que se levan mantendo cos mozos e mozas no marco da Comisión de orzamentos participativos. Gustaríame expresar o meu desexo de que este SolporSon de Ames sexa o primeiro de moitos, así como outras iniciativas dirixidas á mocidade. Eles e elas son o futuro, non só do noso concello, senón tamén da nosa sociedade”.
Para finalizar, Escarlata Pampín deulle as grazas á Concellería de Cultura, polo seu apoio inestimable, aos técnicos de Mocidade do Concello, aos patrocinadores, que de xeito desinteresado decidiron colaborar, e a tódalas persoas que, de un modo ou outro, contribuíron, para que este SolporSon de Ames 2019 vai a ser unha realidade. Por suposto grazas tamén a Vella Escola, a tódolos grupos musicais e a Paula por aceptar ser a cara visible deste festival.
Música en galego
Benxamín Seoane, integrante do grupo amesá Biribirlocke, destacou “é un orgullo volver a tocar na festa da mocidade de Ames. Antes de formar o grupo Biribirlocke, estreámonos en Ames co grupo que comezamos a tocar. Agora, pasados uns anos, e xa como Biribirlocke volveremos a actuar diante da mocidade amesá, algo que para nós é unha gran honra”.
A xornalista, Paula Señarís, que se encargará de presentar o festival, dixo “por fin se pon en marcha unha iniciativa deste tipo no concello de Ames, que promocione a música dos grupos galegos e que cantan en galego. Deste xeito, demóstrase que é posible organizar un evento cultural e musical para a mocidade con grupos locais que apostan polo galego. Agardamos que sexa a primeira de moitas edicións e convidamos a todos os mozos e mozas, así como ás familias, a que acudan o sábado 14 de decembro ao campo da festa de Biduído”.
Por último, a técnica da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), Pili Villaverde, tamén puxo en valor este evento como un xeito de dar a coñecer aos grupos locais. “No cartel deste festival hai tres grupos locais: Biribirlocke, Náiadee Triska. Isto é moi importante porque deste xeito estamos promocionando a música galega e en concreto a do noso concello. É un orgullo para o Concello ver como os os compoñentes de Biribirlocke, que debutaron nun festival nunha festa da mocidade, evolucionaron e foron consolidando a súa carreira musical. Xunto a este grupo actuarán Náiade e Triska, que debutarán o 14 de decembro nun festival. Ogalla poidan ter o mesmo éxito que Biribirlocke”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Cultura urbana y seis conciertos con el Festival SolporSon en Biduído el día 14"