Pestanas principais

Ponse en marcha o VII Festival de Maxia de Ames

Xoves, 13 de decembro de 2012

[13-12-2012] As casas da cultura e as prazas de Bertamiráns e do Milladoiro acollen durante o sábado 15 e o domingo 16 de decembro un festival de maxia que está dirixido a todos os públicos. Esta actividade organizada pola Concellaría de Cultura intenta achegar á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Os ilusionistas intentarán sorprender a todos os amienses e amiensas con diferentes trucos e obradoiros de maxia. As actividades desenvolveranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nas carpas que estarán instaladas na praza da Maía, situada en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro. Tamén haberá sesións de maxia nos centros de ensino, no local do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro e nos bares de Bertamiráns e do Milladoiro.

Gala máxica
A actividade estrela realizarase ás 18:30 horas nos auditorios das casas da cultura das dúas localidades amienses, coa celebración da Gala máxica, que estará presentada por Carlos Adriano. Este espectáculo contará coa participación de Dani Polo, Mago Rafa, Mago Teto, e Mago Sasha. Este espectáculo está dirixido a todos os públicos. Para asistir haberá que marcar unha entrada nas Casas da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns, dende o luns 10 ata o venres 14 decembro, en horario de 9:00 h a 14:00 horas e de 17:00 h a 22:00 horas. Tamén se poden mercar o sábado 15 de decembro (no Milladoiro) ou o domingo 16 (en Bertamiráns) en horario de 17:00 h a 18:30 horas.

O prezo das entradas é de 2 euros para o público en xeral, mentres que os menores de 12 anos, estudantes e maiores de 65 anos tan só terán que pagar 1 euro. O aforo dos auditorios é limitado. No auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns hai 216 butacas, mentres que no do Milladoiro existen de 150 butacas.

Maxia para nenos/as e maiores
Ademais destas actividades hai moita máis maxia para nenos/as e maiores. O xoves 13 de decembro o Mago Rafa visitará ao alumnado de infantil e primaria do CEIP A Maía, para ofrecerlles unha sesión de maxia na que participarán un total de 654 alumnos/as. Este mesmo día o Mago Sasha estará no CEIP de Barouta ante 219 alumnos/as para achegarlles os segredos da maxia. Mentres que ao IES de Ames acudirá o Mago Teto para facer dúas sesións de maxia dirixidas a 278 alumnos/as, que estarán repartidos en dous grupos.

O día seguinte, o venres 14 de decembro, seguirá a maxia nos centros de ensino. O Mago Teto visitará ao alumnado de infantil e primaria do CEIP Agro do Muíño para ofrecerlles unha sesión de maxia na que participarán un total de 419 alumnos/as. Este mesmo día o Mago Sasha estará no CEP de Ventín ante 452 alumnos/as para achegarlles os segredos da maxia. Mentres que ao Colexio Alca acudirá o Mago Charly para facer dúas sesións de maxia dirixida a 173 alumnos/as, que estarán repartidos en dous grupos. Ademais, este mesmo día un total de 344 nenos/as da EEI Milladoiro e das escolas unitarias de Agrón, Covas, Guimaráns e Tarroeira acudirán á Casa da Cultura do Milladoiro para gozar da actuación do Mago Rafa. Nestas actividades participarán máis de 2.500 alumnos/as.

Por outra banda, o venres 14 de decembro, o local do Club de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) acollerá, ás 18:00 horas, unha sesión de maxia a cargo de Sasha e Dani Polo. Deste xeito, todos os socios/as deste Club poderán pasar unha tarde entretida e divertida.

Maxia de Preto
Ademais, este ano a Concellaría de Comercio e Promoción Económica, en colaboración coa Concellaría de Cultura, organizou o programa Maxia de Preto, no que, coincidindo coa celebración do X Festival de Maxia entre os días 14 e 16 de decembro, desenvolveranse unha serie de pequenas actuacións e xogos de maxia nalgúns establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro. O venres, 14 de decembro, haberá sesións de maxia nos bares Galway, Bar 89, Premium, IL Ritrovo, e Babia (situados no Milladoiro), en horario de 21:00 a 23:00 horas, mentres que o sábado 15 haberá sesións de maxia nos bares New York, Ferlós, A Charca, Ferrenquín, e Koptel (situados en Bertamiráns), tamén en horario de 21:00 a 23:00 horas.

Un ano máis o Concello de Ames organiza unha nova edición do Festival de Maxia que se desenvolverá durante os días 15 e 16 de decembro nas localidades do Milladoiro e de Bertamiráns, respectivamente. Nesta edición serán seis magos nacionais e internacionais os que creen ilusión nos amienses. Obradoiros, a carpa do misterio, que estará instalada nas prazas da Maía e de Manuel Murguía, e a Gala máxica compoñen o programa deste ano.

A programación de actividades do festival comezará o 15 de decembro no Milladoiro e repetiranse o 16 en Bertamiráns. Os dous días entre ás 11:00 h e as 12:30 horas haberá un obradoiro de maxia que impartirá o mago Charly. Este ilusionista achegaralle os segredos da maxia aos rapaces e rapazas de 8 a 14 anos. Para participar nesta actividade é preciso estar inscrito. Todos os nenos e nenas deben chamar ao número de teléfono 981 535 940, entre os días 10 e 14 de decembro, en horario de 9:00 h. a 15:00 horas. Para este obradoiro ofértanse un total de 50 prazas (25 para Bertamiráns e 25 para O Milladoiro). Ambos os dous obradoiros desenvolveranse nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns.

Despois deste obradoiro os espectáculos de maxia continuarán, pero esta vez desenvolveranse na carpa do misterio, que estará instalada na rúa. Este espectáculo, que se realizará en horario de mañá, de 12:00 h a 14:00 horas, e de tarde, de 16:30 h a 18:00 horas, está pensado para que as persoas de todas as idades poidan asistir. Faranse pases cada 30 minutos, polo que ao longo do día haberá sete sesións de maxia. A carpa do misterio estará instalada na praza da Maía, situada en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ponse en marcha o VII Festival de Maxia de Ames"