Pestanas principais

Ponse en marcha a programación de actividades ao aire libre “Activa o teu Outono”, que se enmarca no programa Ames Saudable

Luns, 31 de agosto de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, pon en marcha o programa “Activa o teu Outono”. De setembro a decembro, sempre e cando as circunstancias da crise sanitaria derivada da Covid-19 o permitan, realizaranse diversas actividades ao aire libre como andainas saudables e cursos de iniciación e consolidación á marcha nórdica. Dentro de dita programación están incluídas 16 andainas (8 en Bertamiráns e 8 no Milladoiro) do programa SaúdeAndo. Este programa está composto por un amplo programa de andainas circulares de dificultade media-baixa, cunha duración aproximada de hora ou hora e media, e que teñen saída e chegada nos centros de saúde.

O departamento municipal de Promoción da saúde acaba de lanzar a programación de actividades ao aire libre “Activa o teu Outono”, que se desenvolverán dende o 3 de setembro ata o 18 de decembro, sempre e cando o permitan as autoridades sanitarias e tendo en conta a evolución da pandemia do coronavirus. Dita programación está composto por 25 actividades como andainas saudables e cursos de iniciación e consolidación á marcha nórdica. Dentro de dita programación están incluídas 16 andainas (8 en Bertamiráns e 8 no Milladoiro) do programa SaúdeAndo.

A programación de “Activa o teu Outono” comeza este xoves, 3 de setembro, cunha andaina urbana do programa SaúdeAndo. O punto e maila hora de saída será ás 17.30 horas dende o centro de saúde de Bertamiráns. Deste xeito, vólvense a retomar as andainas urbanas por Bertamiráns e O Milladoiro e que teñen saída e chegada nos centros de saúde destas dúas localidades amesás. Esta actividade, ao igual que o resto de andainas encadradas dentro do programa, son rutas circulares de dificultade media–baixa, cunha duración aproximada dunha hora ou hora e media.

Entre os meses de setembro e decembro realizaranse 16 andainas, 8 dende o centro de saúde do Milladoiro e 8 dende o centro de saúde de Bertamiráns. Así, en Bertamiráns haberá andainas o 3 e mailo 17 de setembro, o 1, 15 e 29 de outubro, o 12 e 26 de novembro e mailo 10 de decembro. Mentres que dende o centro de saúde do Milladoiro as andainas desenvolveranse o 10 e 24 de setembro, o 8 e 22 de outubro, o 5 e o 19 de novembro e o 3 e 17 de decembro.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca “a importancia, máis se cadra nestes intres, da promoción de hábitos de vida saudables, que non son máis que estilos de vida, de comportamento, que teñen que ver cunha alimentación saudable, actividade física, prevención de hábitos tóxicos, etc. que redundarán na nosa saúde física e emocional”.

Luísa Feijóo engade que “a través deste programa ofréceselle unha alternativa a aqueles veciños e veciñas que queiran saír a camiñar para coñecer diferentes rutas no noso concello. Camiñar é unha actividade apta para case todas as persoas para a que non se necesita facer unha gran inversión económica e que nos permite previr un gran número de enfermidades crónicas, fortalecer o noso corazón , controlar o noso peso, ter uns ósos máis resistentes, tonificar a musculatura, favorece o sono, á vez que mellora o noso estado de ánimo, estimula a inmunidade, etc.”.

Andainas saudables
Ao longo dos próximos catro meses tamén se van a realizar 5 andainas saudables. A primeira será unha andaina de serán prevista para este venres, 4 de setembro. O punto de encontro para as persoas que participen nesta actividade será o Pazo da Peregrina, ás 19.30 horas. A ruta iniciarase e rematará cunha sesión do método Corpo e consciencia, impartida por Martha Franco, na que se darán pautas sobre respirar, automasaxe, estirar, tonificación, detoxinar e relaxación. Para participar nesta actividade gratuíta ofértanse 30 prazas. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal. As prazas cubriranse por orde de inscrición.

Ademais, haberá outras catro andainas saudables máis. O 20 de setembro realizarase unha andaina con motivo da Semana europea da mobilidade. As andainas saudables continuarán o 17 de outubro, o 14 de novembro e 18 de decembro. Para participar nestas actividades é necesaria inscrición previa.  

Cursos de iniciación e consolidación á marcha nórdica
Por outra banda, impartiranse cursos de iniciación e consolidación á marcha nórdica durante o mes de setembro. Para participar neste cursos é necesario inscribirse previamente.

Deste xeito, os días 12 e 13 impartirase o curso de iniciación á marcha nórdica. O sábado 12 realizarase no pavillón polideportivo do Milladoiro, mentres que o domingo 13 será no pavillón de Bertamiráns. En ambas localidades o curso comezará ás 10.00 horas.

O curso de consolidación á marcha nórdica farase os días 26 e 27 de setembro. O sábado 26 realizarase no pavillón polideportivo do Milladoiro, mentres que o domingo 27 será no pavillón de Bertamiráns. En ambas localidades o curso comezará ás 10.00 horas.

Novas relacionadas:

Revista Ames Go: "Andaina de serán Activa o teu Outono o 4 de setembro"

Lindeiros: "Ames activa o Outono"

Cartel do programa Activa o teu Outono

Multimedia

  • Cartel do programa Activa o teu Outono