- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu hoxe pola tarde, ás 18.00 horas, o acto de presentación da segunda edición do concurso Canta con Ames. O acto estivo conducido pola xornalista, Loli Gómez, que se encargará de presentar as diferentes fases que ten o concurso (preselección, semifinal e final). Durante a presentación actuaron as tres gañadoras da edición de 2021: Noelia Bellas, de Bugallido; Lara López, de Negreira; e Carmen Cuevas, do Milladoiro. Tamén actuou Inés Suárez, membro do xurado e integrante do grupo As Maianas. Ademais, presentouse o xurado desta edición que estará formado por Susana López Carbia, Noelia Bellas Ferreira e Ines Suárez Rey. As bases do concurso poden consultarse premendo nesta ligazón.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, xa está metido de cheo na organización da segunda edición do concurso Canta con Ames. A presentación do certame realizouse este venres, 6 de maio, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas. O acto comezou coa intervención do alcalde de Ames, Blas García, da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e de Rocío González, responsable da empresa Mirabelle Comunicación, que se encargará da organización do concurso.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “o gran éxito que tivo a primeira edición do concurso Canta con Ames, a través do cal se descubriron novas voces como as de Noelia Bellas e Carmen Cuevas, ambas amesás, e a de Lara López, do concello veciño de Negreira. Estou seguro que este ano o concurso Canta con Ames nos vai deparar novas sorpresas e seguro que vamos a descubrir grandes artistas. Agardamos tamén continuar dinamizando o comercio e maila hostalería coa organización deste certame. O obxectivo é fomentar durante a época estival as compras no comercio local e mailo consumo no sector hostaleiro”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu “a presencia de Carmen, Lara e Noelia, que foron as gañadoras da primeira edición do concurso Canta con Ames. Este ano temos algunhas novidades, unha delas son os membros do xurado, xa que os integrantes do xurado do ano pasado non poden repetir por motivos de traballo. Tamén teño que agradecerlle ás asociacións do parque empresarial Novo Milladoiro e XEA por volver colaborar co Concello doando diferentes premios para a final”. Por último manifestou a súa satisfacción “porque a organización do concurso vólveo a levar unha empresa de Ames, neste caso a mesma do ano pasado, a produtora Mirabelle, con Rocío e Miguel ao mando, e iso é garantía de éxito”.
Rocío González, responsable da empresa Mirabelle Comunicación, dixo que “este é un proxecto que nos gusta moito porque se desenvolve durante o verán na rúa e participa xente de todas as idades. As expectativas para esta segunda edición son boas, na primeira edición participaron preto de 50 persoas e este ano agardamos superar esa cifra. Animo a todas aquelas persoas que lles guste cantar a que perdan a vergoña e se inscriban no Canta con Ames 2022”.
A continuación, Blas García presentou a xornalista Loli Gómez, que foi a encargada de conducir o acto de presentación. Loli Gómez presentou ás gañadoras do concurso de 2021 e foille preguntando a cada unha sobre a experiencia vivida na primeira edición deste concurso. Deste xeito, Noelia falou sobre a fase de preselección, Lara sobre a experiencia vivida nas semifinais e Carmen achegou a súa experiencia sobre a final de 2021. Ademais, as tres fixeron unha actuación en directo: Noelia interpretou o tema Sueña de Luis Miguel; Lara cantou Falling de Harry Styles; e Carmen cantou o tema de Whitney Houston, I Wanna Dance With Somebody (Who Loves Me).
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, tamén tivo palabras de agradecemento para Loli Gómez por encargarse de presentar o concurso e para os membros do xurado “pola boa disposición dende o primeiro momento que as chamamos para formar parte do xurado nesta segunda edición do Canta con Ames”. Por último, destacou “a colaboración da academia Magenta Art, do Milladoiro, por colaborar co Concello comentando entre o seu alumnado a posibilidade de facer o cartel do concurso. Finalmente, Antía Montero Segade foi a que deseñou e posteriormente lle cedeu ao Concello o deseño do cartel deste ano. Temos que darlle as gracias a Antía polo traballo que fixo”.
Inscricións ata o 13 de xuño
Este concurso está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e colaboran as asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Ao certame poderán presentarse cantantes afeccionados/as. Non poden presentarse profesionais da música, aínda que non estean na actualidade en activo. Existen catro categorías: infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 20 anos; sénior, de 21 a 40 anos; e súper sénior, de 41 en diante. Este ano a principal novidade é que se rebaixa a idade da categoría súper sénior para fomentar a participación da veciñanza.
As persoas que desexen participar deben enviar un vídeo con audio, en formato mp4 coa interpretación sen base vocal orixinal, de non máis de 1 minuto á seguinte dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com. Tamén haberá que enviar o impreso de inscrición cuberto e asinado (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais) e acompañado dos documentos requiridos no propio impreso. As inscricións poderanse realizar ata o 13 de xuño enviando un correo electrónico ao endrezo amesnarua@gmail.com. Na semana do 13 de xuño comunicaráselle, por correo electrónico, a todas as persoas que se teñen presentado, a condición de candidatos ou non candidatos para as seguintes fases.
Fases do concurso
O concurso está composto de varias fases. Haberá dous días de preselección, o 1 de xullo, ás 18.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e mailo 8 de xullo, tamén ás 18.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase de preselección só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. O xurado escollerá un máximo de 20 persoas seleccionadas en total por ambas xornadas, cinco por categoría (no caso de que algunha das categorías quede deserta, o número de semifinalistas noutras categorías poderá incrementarse ata cubrir o total de 20 persoas).
O 11 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 17 de xullo de 2022 as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.
Posteriormente, a semifinal será o 6 de agosto, ás 18.30 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.
A gran final realizarase o 27 de agosto, ás 18.30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.
Xurado do concurso
O xurado estará composto por Ines Suárez Rey, veciña de Auguapesada, que exerce como profesora de música nun colexio público de Galicia. Estudou Maxisterio musical en Santiago de Compostela xunto co grado profesional de guitarra no Conservatorio de Santiago. Actualmente canta no grupo as As Maianas, formado no propio concello de Ames, e dirixe os coros parroquiais de Ames e Piñeiro. Tamén formará parte do xurado Susana López Carbia, veciña de Ames e presentadora do programa da TVG, Fun polo aire. A terceira integrante do xurado será Noelia Bellas Ferreira, veciña da parroquia de Bugallido e gañadora da categoría sénior da primeira edición do concurso de karaoke Canta con Ames.
Coincidindo coa presentación do xurado, o programa da TVG, Fun polo aire, fixo unha conexión en directo con Loli Gómez e Susana López, para coñecer aos membros de dito xurado. Precisamente Susana López Carbia, presentadora deste programa, é unha das persoas do xurado e dixo que lle fai moita ilusión como veciña de Ames formar parte do xurado e animou a todo o mundo a participar. De seguido, presentouse a outra das integrantes do xurado, Inés Suárez, que tamén fixo unha actuación en directo.
A terceira integrante do xurado, Noelia Bellas, volveu ao escenario para falar da súa experiencia sobre actuar no palco da Paris de Noia, na festa final do programa AmesON 2021, na que actuaron no Milladoiro as tres gañadoras do Canta con Ames 2021 e maila orquestra París de Noia. De seguido, ofreceu unha nova actuación ao público asistente interpretando o tema No duraría, de Rosario Flores.
Premios
O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 4 gañadores ou gañadoras premiaráselles cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de Ano, unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da Asociación de Comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), e unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da Asociación de Empresarios Polígono Novo Milladoiro.
Por outra banda, aos 8 participantes que cheguen á final en cada categoría premiaráselles cun trofeo, unha cesta saudable, un vídeo profesional do seu paso polo concurso e unha tarxeta regalo valorada en 30 euros para gastar nos comercios da Asociación de Comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).
Por último e para pechar o acto de presentación, o alcalde e maila concelleira de Promoción Económica entregáronlle un agasallo a Antía Montero Segade, veciña do Milladoiro e que ten 15 anos de idade, polo traballo que realizou para crear o cartel que anuncia o concurso deste ano.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "En marcha la segunda edición del concurso para aficionados Canta con Ames"
El Correo Gallego: "Llaman a desbordar el Canta con Ames para escoger ruiseñores el 27 de agosto"