Pestanas principais

Ponse en marcha unha nova edición do Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria que organiza o IES de Ames

Venres, 24 de xaneiro de 2014

[24-01-2014] O IES de Ames xa ten preparado o programa do oitavo Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria, que se desenvolverá entre o 29 de xaneiro e o 30 de abril de 2014. Este ano o ciclo de conferencias didácticas centrarase na temática do cine. Baixo o título "A voltas co cine" os profesores e profesoras desde centro de ensino impartirán dez charlas abordando esta temática dende diferentes puntos de vista. A primeira charla, que leva por título "Escolas de película!", será impartida o próximo mércores, 29 de xaneiro, por Miguel Vázquez, ás 18:30 horas, no Pazo da Peregrina. Estas conferencias, ás que está convidada toda a comunidade educativa e a veciñanza de Ames, terán lugar varios mércores dos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa do ciclo de charlas.

'Adolescencia en pantalla grande', 'Nun marco incomparable', 'De cando eu ía ao cine', 'O son das imaxes' son algúns dos títulos das charlas que os profesores e profesoras do IES de Ames ofrecerán ao longo deste curso dentro do Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria e que este ano ten como título xenérico 'A voltas co cine'. O Concello de Ames cede as instalacións do Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, para desenvolver este ciclo académico de charlas.

É o oitavo ano que o IES de Ames organiza un ciclo temático no que implica á maior parte dos profesores e profesoras e de cuxas reflexións se beneficia toda a comunidade educativa. Esta iniciativa está dirixida ás familias dos alumnos e das alumnas, o propio alumnado e profesorado do instituto e a veciñanza de Ames en xeral. Nas edicións anteriores os temas sobre os que se traballou desde os distintos departamentos do instituto foron os gregos, a ciencia, a auga, o amor, as viaxes e o corpo. Este ano, profesores e profesoras de distintas disciplinas traballarán sobre o cine.

A actividade está pensada para os alumnos de Bacharelato ou de cuarto da ESO. En todo caso, o obxectivo que se persegue é romper o esquema expositivo das aulas, para que non se trate dunha lección máis. As sesións, cunha duración en torno aos sesenta minutos, constan dunha primeira parte expositiva, duns corenta minutos, e un coloquio que se prolonga arredor dos vinte minutos. A asistencia é libre.

Programa de conferencias
As conferencias terán lugar os mércores, ás 18:30 horas, agás aqueles que coincidan con períodos de vacacións ou épocas fortes de avaliacións. O carácter destas sesións é moi variado, desde exposicións que se poden cualificar de estritamente académicas a outras que teñen carácter de obradoiro, audicións musicais ou exhibición de obras de arte.

O ciclo comeza o vindeiro mércores 29 de xaneiro, ás 18:30 horas, no Pazo da Peregrina cunha conferencia que se titula 'Escolas de película!', que impartirá Miguel Vázquez. As charlas continúan o mércores 5 de febreiro coa conferencia 'Adolescencia en pantalla grande', a cargo da profesora Renata Otero. Para o 12 de febreiro, Pilar Tobar ten previsto expoñer a charla titulada 'Nun marco incomparable'. A continuación será a quenda para J. Alberto Berriochoa, que o 19 de febreiro ofrecerá a conferencia 'De cando eu ía ao cine'. Xa para rematar o mes de febreiro, o mércores 26, Eva Garea impartirá a charla 'Metáforas filosóficas'.

Sonia Rohrer inaugurará o mes de marzo, o día 12, impartindo a conferencia 'O son das imaxes'. Xa no mes de abril, o día 2, Antonio Vázquez ofrecerá a charla 'Ciencia en Star Trek'. Para o día 9 de abril está prevista a conferencia 'Historia e cine', que impartirá Rosa Martínez. O mércores, 23 de abril, Fernando Sainz falará sobre 'A Segunda Guerra Mundial no cine'. O ciclo de conferencias rematará o día 30 de abril coa charla 'A maxia do cine' a cargo de Margarita Olivar. Esta última sesión do ciclo desenvolverase na biblioteca do IES de Ames.